Lugo e Viana do Castelo reforzan a súa irmandade con novos proxectos culturais e patrimoniais

A cidade de Lugo e a de Viana do Castelo deron un novo paso na súa relación de irmandade, vixente desde 1990, cun encontro institucional que serviu para reforzar lazos e abrir novas vías de colaboración cultural e patrimonial.
O alcalde lucense, Miguel Fernández, desprazouse este martes ata a localidade portuguesa, onde foi recibido polo rexedor Luís Nobre, tamén presidente do Eixo Atlántico, e polo secretario xeral desta entidade, Xoán Vázquez Mao.
Na súa primeira visita oficial a Viana como alcalde, Fernández destacou que ambas urbes comparten unha historia e unha identidade común que transcende fronteiras, subliñando que a cultura e o patrimonio son a base que fortalece esta unión. A
demais da reunión institucional, a xornada incluíu un percorrido polo centro histórico da cidade portuguesa para coñecer proxectos de referencia como a rehabilitación do antigo mercado, a praza do Eixo Atlántico, a recuperación de edificios de prestixio asinados por Álvaro Siza Vieira e Eduardo Souto de Moura, así como a posta en valor do barco Gil Eanes como espazo museístico.
Fernández resaltou que Lugo e Viana do Castelo comparten a pegada castrexa, a herdanza romana e un legado histórico milenario que as sitúa como cidades con futuro, ao tempo que puxo en valor a aposta conxunta por modelos urbanos sostibles, abertos e pensados para a cidadanía. O alcalde lucense expresou tamén o interese en impulsar programas culturais que involucren á mocidade e fomenten o coñecemento mutuo entre os dous pobos.