Lugo encherase de música co IV Lucus Music Fest

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro, presentou a cuarta edición do Lucus Music Fest, unha proposta organizada pola asociación Músico Crisanto coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo, que encherá as rúas da cidade de música entre o 18 e o 23 de agosto.
O festival acollerá simultaneamente masterclass de dirección e canto, achegando a Lugo directores de orquestra e profesionais recoñecidos que impartirán formacións especializadas. A concelleira destacou que nesta edición “propóñense nove actividades abertas ao público xeral, con concertos, conferencias e ensaios abertos de diferentes agrupacións musicais, que tamén servirán para mostrar o traballo realizado polos cantantes e directores asistentes ao campus”.
O campus, na categoría de dirección musical, permitirá ás participantes desenvolver as súas competencias como directores e directoras, mellorando as ferramentas xestuais e técnicas e a relación orgánica entre a agrupación e a dirección. A formación incluirá aspectos como a posición corporal, o tempo, as dinámicas de traballo e a independencia xestual.
PROGRAMACIÓN
A programación arrancará o luns 18 de agosto ás 20:30 horas na Praza Anxo Fernández Gómez cun concerto introdutorio de músicas populares e tradicionais a cargo da Banda Sinfónica, baixo a dirección de Armando Morales.
O martes 19, no Círculo das Artes, celebrarase un recital de novos talentos que reunirá solistas de clarinete, saxofón e trompeta, acompañados de danza e piano.
O mércores 20 de agosto, tamén no Círculo das Artes, terá lugar un recital de trompa e piano con Marta Isabella Montes e Andrea Vilar como intérpretes.
O xoves 21 de agosto pola mañá na Rúa Quiroga Ballesteros desenvolverase un ensaio aberto da Big Band, que esa mesma noite ofrecerá un concerto na Praza Maior coas vocalistas Tabea Graser e Ana López.
O venres 22 de agosto, na praza de Santo Domingo, celebrarase un ensaio aberto do Ensemble Xuvenil, seguido pola súa actuación á noite na Capela de Santa María, acompañados dun quinteto de cordas.
A programación pecharase o sábado 23 de agosto no Círculo das Artes cun concerto de clausura da orquestra de cámara e o saxofonista solista Xurxo Morales, que tamén marcará o final do IV Campus-Concurso de Dirección Musical.