Lugo encheu o adarve da Muralla dunha 'Marea de Bolboretas' polo 8M

O Concello de Lugo organizou diversas actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, entre as que destacou unha emotiva ruta polo adarve da Muralla que deu lugar á chamada 'Marea de Bolboretas'.
Esta iniciativa, realizada en colaboración con AELU, buscou visibilizar o compromiso da cidade coa igualdade e a loita polos dereitos das mulleres.
A acción consistiu nun percorrido que partiu da Casa do Concello e que avanzou polo adarve da Muralla, onde as persoas participantes portaron papaventos con forma de bolboreta, símbolo da transformación, a liberdade e a esperanza.
Os papaventos foron entregados á cidadanía, que se sumou activamente ao evento, enchendo de cor e significado o emblemático espazo do Casco Histórico.
No acto participaron a concelleira da área de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo; a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López; e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, que acompañaron á veciñanza nun xesto colectivo de reivindicación e visibilización da igualdade.