Lugo encheuse de maxia coa cabalgata dos Reis Magos, que repartiu máis de 4.000 quilos de caramelos

Os Reis Magos de Oriente percorreron as rúas de Lugo na tradicional cabalgata organizada pola Tenencia de Alcaldía, un desfile que congregou a milleiros de persoas ao longo de todo o percorrido. A comitiva partiu ás 18 horas do parque da Milagrosa, avanzou pola rúa Monte Faro e a avenida da Coruña e chegou á praza Maior ás 19:15 horas, nun traxecto no que se repartiron máis de 4.000 quilos de caramelos.
A cabalgata estivo integrada por diversos espectáculos que precederon ás carrozas, acompañados de música e actuacións a cargo da Tambukda e de Cántigas e Frores, nun ambiente festivo pensado especialmente para o público infantil. Melchor, Gaspar e Baltasar desfilaron en catro carrozas, unha para cada Rei e unha adicional destinada a transportar os agasallos das nenas e nenos de Lugo.
As carrozas estiveron ambientadas na temática escollida para esta edición, cunha viaxe simbólica polo fondo do mar, polos ceos e máis alá de onde rematan os mapas. Cada Rei estivo acompañado de criaturas fantásticas, mentres un coñecido personaxe da imaxinaría lucense, representado en tamaño xigante, encargouse de velar para que non se extraviasen os agasallos.
Á súa chegada ao Concello, os Reis Magos fixeron entrega ao tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e ao alcalde dunhas cuncas con imaxes da cidade de Lugo. Desde o balcón municipal, Melchor dirixiuse á cativada cunha mensaxe centrada na importancia de manter viva a imaxinación, a creatividade e a capacidade de soñar, mesmo na idade adulta, lembrando o valor de crear historias, xogar e explorar mundos imposibles.
Na súa intervención tamén houbo unha referencia aos conflitos que existen no mundo, expresando o desexo de que as persoas adultas aprendan a mirar a realidade coa mesma pureza e sinceridade que teñen as nenas e nenos. Tras lembrar que xa recibiron as cartas enviadas durante o ano, os Reis animaron a aquelas crianzas que aínda non o fixeran ou quixeran engadir algún desexo a achegarse á recepción real, que se celebrou a continuación no interior do Concello.
VALORACIÓN DA CABALGATA
A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, fixo balance da cabalgata de reis 2026, organizada pola Tenencia de Alcaldía e que se converteu, un ano máis "nun gran éxito de participación, con miles de persoas agardando no percorrido pola chegada dos Magos de Oriente", afirmou Maite Ferreiro.
A edil de Cultura afirmou que "desde a Tenencia de Alcaldía traballamos co obxectivo de amenizar a chegada dos magos de oriente ás centos de nenas e nenos que cada ano se achegan ás rúas de Lugo", e engadiu "damos o obxectivo como cumprido, e poñémonos xa a traballar para que no 2027 a veciñanza de Lugo poida sentir orgullo da cabalgata de Reis".
Os Magos de Oriente percorreron as rúas de Lugo nunha cabalgata que contou con 16 espectáculos esparcidos antes e entre as 4 carrozas. Ademáis, contouse con música e espectáculos a cargo da Tambukda e Cántigas e Frores, cun percorrido no que se repartiron máis de 4.000 quilos de caramelos.
Melchor, Gaspar e Baltasar contaron con 4 carrozas, unha para cada un deles e outra para poder levar os agasallos de todas as nenos e nenos de Lugo.
Na súa chegada ao Concello, os Magos de Oriente agasallaron ao tenente alcalde, Rubén Arroxo, e ao alcalde con cuncas con imaxes da cidade de Lugo, antes de dirixirse ás nenas e nenos desde o balcón do concello. Posteriormente deu comezo a recepción real a todas as nenas e nenos de Lugo que se achegaron.
Na súa intervención, o rei Melchor pediu ás persoas adultas "que gobernan o mundo sexan capaces de ver as cousas con outros ollos, cunha mirada limpa e pura coma a vosa", para conseguir, segundo dixo "rematar cos conflitos que hai por todo o planeta".