Lugo, entre as cidades máis limpas
O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, recolleu a Escoba de Platino coa que ATEGRUS recoñeceu a renovación do servizo de recollida de RSU, limpeza viaria e xestión do punto limpo impulsada polo executivo de Paula Alvarellos. O edil recibiu o galardón nunha gala celebrada dentro das actividades da Feira Internacional TECMA, que se desenvolveu esta semana en IFEMA.
Este premio sitúa a Lugo entre as cidades máis limpas, con mellores prácticas de reciclaxe e mellor xestión de residuos, seguindo así a referentes nacionais como Vitoria-Gasteiz ou San Sebastián. Ao recoller a Escoba de Platino, Fernández apuntou que “con este galardón vemos recoñecido todo o traballo que estamos a facer para consolidar a Lugo entre as cidades máis limpas e sostibles de todo o estado”. Igualmente sinalou que “este recoñecemento supón alcanzar o grao de máxima excelencia, despois da Escoba de Prata de 2008 e a de Oro de 2016, e é un estímulo extra para seguir optimizando todos os servizos que axudan a mellorar a calidade de vida dos lucenses e as lucenses”.
O recoñecemento de ATEGRUS é a máxima distinción dentro deste prestixioso galardón de ámbito estatal e iberoamericano. O xurado de expertos designado valorou, para conceder ao Concello de Lugo o recoñecemento dentro da categoría Municipios, Mancomunidades e Deputacións de máis de 50.000 e menos de 100.000 habitantes, o emprego de vehículos e maquinaria medioambientalmente sostibles, o cambio ao sistema de carga lateral nos contedores, a apertura da oficina de atención ao cidadán ou a implantación do servizo de punto limpo móbil.