Lugo, epicentro da cultura vinícola coa cuarta edición do Lucus In Vino Veritas
A cuarta edición do Lucus in Vino Veritas terá lugar este sábado, de novo nun lugar emblemático: o atrio da Catedral de Lugo. O evento vinícola está dirixido a todos os lucenses e a todos aqueles que lles interese a cultura do viño. Nesta nova edición da mostra, participan 22 adegas que ofrecerán ata 100 marcas de viños diferentes de todo o territorio español. Estableceranse dúas zonas diferenciadas. Unha será para as adegas exclusivamente da provincia de Lugo, pretendendo dar máis protagonismo ao territorio e proxectando a imaxe dunha zona rica en diversidade e con moitos proxectos para destacar.
Un segundo espazo estará dedicado ás adegas que veñen doutras zonas, doutros chans e doutros climas coa intención de aprender mutuamente e enriquecernos a través da pluralidade de todas as adegas que veñan á cidade. Co novo programa recupérase a cita que non se celebra dende o ano 2022 e que incluía catas, exhibicións cerámicas, zonas gastronómicas, concursos e mostras de cociña.
O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, participou na presentación da cuarta edición do certame e sinalou que “o Concello decidiu colaborar con este evento porque xoga un papel dinamizador non só para o sector vitivinícola, senón tamén para o turismo da cidade, a cultura e o sector comercial”. Durante toda a xornada do sábado haberá concursos, catas de viño e de augardentes, actuacións musicais, showcookings a cargo de chefs lucenses, degustacións e maridaxes. As actividades previstas no programa de actos desenvolveranse no atrio da catedral, un enclave privilexiado que reúne os tres patrimonios da humanidade da cidade, a muralla, a catedral e o Camiño de Santiago, e que supón un incentivo máis para os visitantes que acoden a este evento.
A Deputación de Lugo colabora con este evento cunha achega de 2.000 euros para a posta en valor da actividade vitivinícola que, segundo destacou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, “é un dos piares da economía da nosa provincia”. Destacou a importancia de colaborar con citas coma esta, “que encaixa no modelo que impulsamos de promoción do territorio a través dun turismo de calidade, de experiencias e sostible”.
Pola súa parte, o delegado territorial, Javier Arias, destacou que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, promove varias actividades no marco deste evento. Así, este venres ás 20.00 horas organízase unha cata musical conducida polo experto Juanjo Figueiroa; e o sábado ás 13.00 horas unha cata de augardentes e licores guiada por Sonia Otero, vicepresidenta do Consello Regulador das IXP de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. A cita contará con postos para as adegas, catas, un espazo gastronómico con cociñeiros de Lugo, showcookings e actuacións musicais.