Lugo, epicentro da divulgación científica e tecnolóxica

LugoXa
A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, Divulggación, celebra o seu encontro anual
patio 2 vello carcere
12 Xul 2024

A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, Divulggación, celebra este sábado 13 de xullo en Lugo o seu encontro anual. Para esta celebración, a entidade organizou un programa que incluirá unha mesa redonda sobre experiencias de divulgación ligadas ao territorio, e dúas charlas ofrecidas por Rogelio Santos e Beatriz Mouriño. O Vello Cárcere acollerá este encontro, que se desenvolverá entre as 16.30 e as 20.00 horas.

O acceso é libre e gratuíto ata completar capacidade do auditorio. A xornada conta coa colaboración de Xuvenciencia e a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. A tarde comezará cun encontro entre tres iniciativas da provincia de Lugo, que nos últimos anos desenvolveron proxectos de divulgación científica vinculados ao territorio.

Participarán Alberto Uría, da asociación Corripa de Negueira de Muñiz, que organiza as xornadas Ciencia na Aldea. Desde Cereixa (A Pobra do Brollón); Roberto Castro, presidente da asociación Montañas do Courel, que leva anos impulsando o patrimonio xeolóxico da serra, declarada como Xeoparque da UNESCO; e o arqueólogo Xurxo Ayán, investigador da Universidade de Lisboa, achegará o labor divulgativo realizado a partir das actividades arqueolóxicas na parroquia.

A partir das 18.00 horas celebrarase unha serie de charlas, que comezarán con Divulgar a mar, da man do coñecido mariñeiro e divulgador Rogelio Santos Queiruga. A continuación (18.30 horas), será a quenda de Beatriz Mouriño, profesora da Universidade de Vigo, investigadora no grupo de Oceanografía Biolóxica. En Para que vale un IgNobel?, a científica falará da súa experiencia como gañadora destes galardóns internacionais, que distinguen logros científicos rigorosos, e ao tempo curiosos, que “primeiro fan rir e logo pensar".

Durante a mañá do mesmo sábado, e tamén como parte do encontro anual, as persoas asociadas de Divulgacción celebrarán a súa asemblea anual. Tamén terá lugar un obradoiro sensorial sobre o Camiño de Santiago, a cargo do investigador Ángel Vidal, e unha visita guiada polo Vello Cárcere, da man da historiadora Ana Cabana, ambos os dous docentes do Campus de Lugo.

0.2113299369812