Lugo, epicentro das artes do movemento coa nova edición das residencias artísticas Atopémonos Bailando
A área de Cultura e o Colectivo Glovo organizan unha nova edición das residencias artísticas Atopémonos Bailando coa que 8 proxectos desfrutarán dunha estadía en Lugo para realizar un estudo de investigación arredor das artes do movemento. Con esta iniciativa, Lugo consolídase “como un dos puntos máis importantes nas artes do movemento", asegurou Maite Ferreiro. A concelleira de Cultura destacou que "ano tras ano vemos como o MIHL, pola súa singularidade e as súas capacidades, é un dos espazos máis reclamados polas artistas para levar adiante este proxecto".
As 8 residencias que terán lugar en Lugo realizaranse entre os meses de abril e novembro de 2024. Cada unha delas terá unha duración de entre 5 e 10 días, e rematará cunha mostra aberta á veciñanza, onde se amosará o traballo realizado. Dous dos proxectos seleccionados realizarán intercambios con Portugal, e unha achegarase ata Costa Rica.
Os artistas e grupos seleccionados foron Catarina Gameiro e Mariana Frazão, Elvi Balboa, Julia Laport, Mariana Collado e Lucio A Baglivo, Miguel Gendre, Nashira Santanatalia e Gustavo Giménez, Alba Fernández Cotelo e Marina Melero. A comisión de valoración estivo formada por 7 profesionais das artes do movemento de Galiza, Portugal e Costa Rica, contando con Esther Latorre e Hugo Pereira, directores da compañía de danza Colectivo Glovo e directores do programa de residencias Atopémonos Bailando.
Concretamente participaron, Alexandrina Martins, presidenta Teatro Experimental Flaviense de Portugal, Manfred Rivera, director artístico do Taller Nacional de Danza de Costa Rica, Erick Jiménez e Maruxa Salas, directores da plataforma cultural SóLODOS de Costa Rica e Carlota Machado, Quinzena de Dança de Almada de Portugal. Os obxectivos deste ciclo de residencias son o impulso e apoio á creación e investigación en danza e artes do movemento de compañías de ámbito galego, estatal e internacional.
Preténdese crear un espazo para a realización de residencias de creación e investigación, con especial atención ás creadoras galegas, difundir e achegar os procesos de creación en danza contemporánea á veciñanza. Faise a través dunha programación de calidade, diversa, innovadora, internacional, gratuita e a través de programas de apertura de procesos de creación. O programa tamén impulsa un espazo de formación e práctica en danza contemporánea mediante a realización de obradoiros especializados para públicos xerais ou públicos profesionais e xerar colaboración e traballo en rede de axentes profesionais nacionais e internacionais mediante o intercambio de artistas e información de compañías.