Lugo esixe ao Goberno central unha conexión ferroviaria competitiva con Madrid

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reclamará formalmente ao Ministerio de Transportes que a cidade non quede fóra do plan de melloras ferroviarias proxectado para Galicia. Farao a través dunha carta na que solicitará unha conexión directa con Madrid que permita chegar a primeira hora da mañá, como xa está previsto para outras cidades galegas.
O rexedor defende que Lugo debe ter as mesmas oportunidades ca o resto do territorio e advirte que “non pode quedar atrás nun momento clave para o seu desenvolvemento”. Durante unha recente reunión na Delegación do Goberno, na que tamén se trataron temas como a mellora da seguridade na Rolda Norte, a rotonda de Nadela ou a Ponte Branca, Fernández trasladou ao secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano Clavero, a súa preocupación pola exclusión de Lugo do reforzo de frecuencias ferroviarias.
O alcalde considera inaceptable que a cidade siga sen un tren que permita á veciñanza desprazarse a Madrid a primeira hora, como si poderán facer as persoas que vivan en Vigo, A Coruña ou Ferrol, que disporán de servizos directos ou enlaces de madrugada para facilitar eses traxectos. “Non se trata de pedir máis ca ninguén, pero tampouco de aceptar menos. Lugo necesita un servizo ferroviario moderno e útil que responda ás súas necesidades reais”, afirmou.
Fernández destaca que unha conexión ferroviaria digna é esencial tanto para a mobilidade da veciñanza como para o dinamismo económico e profesional de Lugo. Por iso, insistirá en que o Ministerio actúe con responsabilidade e atenda esta demanda xusta e urxente.