Lugo establece as excepcións de acceso ao centro histórico polas obras

LugoXa
Estableceuse o procedemento para tramitar, a partir do luns 10 de xuño, a autorización de accesos excepcionais para vehículos de máis de 3.500 kg
obras_centro_lugo
7 Xuño 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presidiu unha Comisión de Tráfico para abordar, como único punto da sesión, as autorizacións excepcionais de acceso ao centro histórico de Lugo polas portas Bispo Odoario e rúa do Teatro. Na xuntanza estiveron presentes técnicos dos servizos municipais de Policía Local, Policía Urbana, Enxeñaría e Participación Cidadá alén da rexedora e os concelleiros de Mobilidade Urbana e Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas e Rubén Arroxo.

Na mesma estableceuse o procedemento que se empregará para tramitar, a partir do luns 10 de xuño, a autorización de accesos excepcionais para vehículos de máis de 3.500 kg que deban acceder ao recinto amurallado exclusivamente pola portas Bispo Odoario e rúa Teatro. Aseguran que o Concello  sempre indicou que a limitación de acceso para vehículos de máis de 3.500 kg se constrinxía unicamente a esas dúas portas, mentres que para o resto de portas pódese seguir accedendo como xa se viña realizando.

De feito, a Ordenanza en vigor xa delimitaba a MMA en Centro Histórico en 5.500 kg e iso non variou de xeito que, os vehículos que excedían esa tonelaxe xa debían solicitar o permiso para acceder. Tampouco variaron os horarios establecidos para a distribución. Porén, a partir do luns 10, porase á disposición da cidadanía un formulario co que será preciso acompañar cada unha das solicitudes de acceso excepcional que se trasladen á Administración local para entrar ao centro polas portas Bispo Odoario e rúa do Teatro cando os vehículos excedan dos 3.500 kg de peso.

Así mesmo, o servizo 010 de Atención Telefónica informará á persoa solicitante que dispón do formulario, tanto fisicamente, no Edificio Administrativo do Seminario, como telematicamente, na páxina web. En canto ás excepción fixadas, poderán dispoñer de autorización excepcional para acceder ao centro polas portas Bispo Odoario e rúa do Teatro aqueles vehículos que, superando os 3.500 kg de peso, acrediten distribuír equipamentos ou material hospitalario, subministracións enerxéticas, material de construción para obras que dispoñan de licenza municipal, servir de apoio e traslado para a instalación e montaxe de eventos nos que o Concello teña a consideración de promotor ou colaborador e cargas indivisibles (neste caso será necesario achegar tamén declaración responsable asinada).

Antelación mínima de 48 horas

Unha vez entre en funcionamento o novo sistema os interesados deberán cursar a petición cunha antelación mínima de 48 horas ao acceso solicitado e será necesario presentar unha solicitude asinada por cada vehículo que precise acceder nas condicións sinaladas. Igualmente, será preciso xuntar, como requisito imprescindible, declaración responsable asinada de que a empresa non dispón de ningún outro vehículo de inferior tonelaxe para prestar este servizo.

Do mesmo xeito,  será  obrigatorio dispoñer do xustificante de ter presentado esta solicitude, así como da propia solicitude, no parabrisas do vehículo que acceda ao Centro Histórico, nun lugar visible, para que a Policía Local poida comprobar a veracidade dos datos que nel se recollen. Ante os supostos de non achegar a documentación sinalada ou de entregar o formulario incompleto a devandita solicitude considerarase deficiente e non presentada.

O Concello entende que os cambios poidan xerar confusión, mais o único obxectivo que se persegue é permitir e facilitar a conciliación de todas as necesidades de todos os colectivos que conviven, pero é preciso que eses usos sexan tamén compatibles coa necesidade de avanzar na execución das obras. A Administración local recorda que cómpre ser coherentes e se ao que se urxe é a que as intervencións rematen canto antes, resulta imperativo facilitar, coas restricións imprescindibles, que se poidan facer os traballos en condicións de seguridade para todos e todas, tamén no que ten que ver coa conservación das actuacións xa executadas.

Limitacións de acceso en Galicia

O Concello recorda que en moitos dos centros históricos de Galicia, como é o caso de Pontevedra ou Santiago actualmente, aínda sen estar implantadas as zonas de baixas emisións, hai unha limitación de acceso a vehículos de tonelaxe superior aos 3.500 kg e os horarios de carga e descarga nas zonas sensibles presenta un rango inferior de horas de actividade e con tempos de parada máximas de entre 15 e 30 minutos en moitos casos, algo que non sucede en Lugo.

O Goberno local sinala así mesmo que, ata agora, a campaña levada acabo polo Concello foi eminentemente informativa xa que, dende a publicación do Decreto, a Policía local só levantou unha sanción por exceso de tonelaxe. Sinalan que non se sustenta o argumento de que existe unha persecución contra a distribución, tendo en conta que no que vai de ano so se contabilizan tres sancións a tres vehículos, un deles de 26.000 kg por non solicitar autorización de paso e aos outros dous por realizar tarefas de carga e descarga fóra do horario establecido.

Finalmente, desde o executivo local lamentan as molestias que as obras ocasionan a todas as persoas usuarias do recinto amurallado: centros educativos e sanitarios, comercio, hostalaría, residentes e viandantes en xeral, mais incide en que todas as medidas que se adoptan son para tratar de que as empresas adxudicatarias poidan acelerar o ritmo dos traballos ao tempo que considera que as devanditas medidas, aínda que a dificulten, non impiden a subministración aos establecementos do centro.

0.16453981399536