Lugo estrea a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural

Lugo acollerá este domingo, 29 de xuño, unha nova edición da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que por vez primeira terá lugar co recoñecemento de Ben de Interese Cultural (BIC).
A declaración foi publicada este venres no Diario Oficial de Galicia, despois de ser aprobada polo Consello da Xunta o pasado luns, culminando así o proceso impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no ano 2024.
Esta distinción acredita a cerimonia como unha das expresións máis significativas do patrimonio inmaterial galego, tanto polo seu valor simbólico como pola súa continuidade histórica. O recoñecemento implica a súa incorporación ao réxime de protección da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, o que supón unha tutela reforzada e novas medidas de conservación.
A proposta foi avalada polos informes favorables de catro entidades: o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e a Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela.
Segundo o decreto da Xunta, esta cerimonia representa “un caso singular dentro da cultura e o patrimonio inmaterial de Galicia”, ao reflectir de maneira viva a continuidade da identidade colectiva do pobo galego e a memoria política do antigo Reino de Galicia.
ACTIVIDADES
O evento inclúe diversas actividades litúrxicas e institucionais, como as solemnes vésperas, a misa principal e unha procesión polas rúas do centro. Este ano será a cidade de Betanzos a encargada de realizar a ofrenda, representada pola súa alcaldesa, María Barral. A eucaristía estará presidida polo arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, ás 11:00 horas.
Tamén participará a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, que confeccionará unha alfombra floral no atrio da Catedral durante a madrugada do domingo. A obra, deseñada por Miguel García, terá oito metros de diámetro e arredor de 50 metros cadrados de superficie.
O motivo central será un cáliz dourado sobre unha estrela de sete puntas, en representación das sete cidades históricas do Reino de Galicia: Lugo, A Coruña, Santiago, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui.
O grupo Os Xílgaros de Lugo ofrecerá varias pezas musicais ás 10:00 horas na Porta Norte da Catedral e tamén durante a procesión posterior.