Lugo estrea a primeira carreira popular a favor da doazón de órganos
Promoven a primeira popular carreira solidaria Donar es Amar na cidade. Con esta proposta, a Asociación para a Loita contra as Enfermidades Renais de Lugo (Alcer Lugo) e a Asociación Galega de Deportistas Trasplantados e en Diálise (Detradi Galicia) pretenden poñer en valor e concienciar sobre a doazón de órganos. Todo o recadado irá destinado a colaborar con esta causa. A cita, que tamén conta coa colaboración do Concello, será o vindeiro 22 de setembro e as inscricións xa están abertas a través de CC Norte.
Trátase dunha iniciativa para todas as idades xa que ofertan a Andaina para todos os públicos cun percorrido de 2,2 quilómetros e con saída ás 10.30 horas; categoría Sub 14 e Sub 16 que percorrerán 1.440 metros a partir das 11.00 horas; Sub 10 e Sub 12 para os que se fixan 1.080 metros dende as 11.20 horas; pitufos que correrán 130 metros a partir das 11.15 e os adultos que sairán ás 11.30 horas para afrontar 4,7 quilómetros.
Tamén existe a posibilidade do Dorsal 0 para colaborar no evento sen correr. Os participantes poderán recoller os seus dorsais o venres 20 de setembro de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 e tamén o sábado 21 de setembro de 10.00 a 13.00 nas oficinas de Alcer Lugo, na avenida Infanta Elena, na Casa Clara Campoamor. Os corredores de fóra do concello poderán recoller o dorsal o mesmo día da carreira na carpa habilitada pola organización na zona de saída a partir das 9.00 horas. Recibirán unha camiseta técnica do evento, deseñada por Diego As, e ademais promoven un sorteo de agasallos dos diferentes patrocinadores ao finalizar. Polo momento a proba xa supera a vintena de inscritos.