Lugo estrea o primeiro Coliving artístico municipal dedicado á arte
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, inaugurou o primeiro Coliving artístico municipal dedicado á arte, no que supón ademais un novo impulso á revitalización do barrio do Carme. A inauguración tivo lugar no exterior do centro, construído ao pé do Camiño Primitivo, tras a rehabilitación por parte do Goberno local do que fora a vivenda do pintor e escultor Gómez Pacios.
“Nace co obxectivo de ser catalizador da cretividade e do desenvolvemento profesional no ámbito artístico e cultural, pero tamén para contribuír á rexeneración desta zona estratéxica de Lugo”, sinalou a alcaldesa. Con este acto arrinca a actividade nesta nova dotación artística para dar a coñecer o edificio entre a cidadanía e os axentes culturais da comunidade. Iso será ata primeiros do 2025, cando se prevé que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving.
Precisamente, moitos representantes do colectivo artístico, cultural e educativo de Lugo estiveron presentes nesta inauguración para percorrer unhas instalacións que supuxeron a construción dunha nova edificación e da recuperación de 3.000 m2 de zonas verdes ao seu carón, que se habilitarán como zona cultural aberta a toda a cidadanía e que contará con programación propia. A reforma permitiu dotar á construción de tres zonas individuais de descanso e doutros espazos comúns, áreas de traballo e talleres, nun espazo que ademais de servir para inspirar a os novos creadores e a os seus proxectos artísticos, sexa tamén unha homenaxe á figura e ao legado artístico de Pacios.
Trátase dunha intervención totalmente respectuosa coa contorna, que supuxo un investimento de 490.978 euros, financiada nun 80 % con fondos FEDER da Unión Europea, e enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, para unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, e neste caso tomando a cultura como elemento dinamizador da economía local e tamén do barrio do Carme.
Ademais, “xa se están a elaborar as bases das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving, que regularán a convocatoria para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, para desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público na área expositiva deste mesmo centro”, sinalou Paula Alvarellos.
Calendario cultural
O calendario cultural e artístico consistirá en actividades que se desenvolverán este verán, orientadas a un público familiar. Así, nas vindeiras semanas está previsto un taller de recoñecemento natural da contorna do Coliving, a cargo dunha artista contemporánea e paisaxista experta en vexetación urbana como é Noa Rodríguez, ou un paseo dinamizado polo Carme e exploración da botánica urbana. Mentres, “os eventos programados para o outono, se dirixen ao sector profesional e suporán a antesala do que será o funcionamento ordinario do colinving a partir de 2025”, explicou Mauricio Repetto.
Así, hai programados obradoiros interactivos sobre a contorna e a conexión coa natureza nesta instalación, e incluirá actividades prácticas como debuxo, construción e exploración sensorial. Á faceta artística súmase a empresarial, xa que tal e como explicou Mauricio Repetto, o Coliving artístico contará co acompañamento profesional do CEI-Nodus, asesorando aos residentes que así o desexen para poñer en marcha novos proxectos empresariais na cidade”.