Lugo estreita lazos con Cuba
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo un encontro cunha delegación comercial procedente de Cuba para reforzar os vínculos e a cooperación entre ambas rexións. A rexedora, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e do secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, recibiu no Salón de Plenos ao presidente da Cámara de Comercio en Cuba, Antonio Luis Carricarte, o conselleiro Económico Comercial de Cuba en España, René Capote, a agregada comercial da embaixada cubana, Ivette Cartelle Perez, e a técnico da Dirección de Relacions Internacionais da Cámara de Comercio de Cuba, Mirta Cristian Rippes.
Durante o encontro, no que tamén participaron as concelleiras Maite Ferreiro e Elena Candia, abordáronse diversos aspectos relacionados coas oportunidades de negocio e colaboración entre empresas lucenses e cubanas. Deste xeito, Alvarellos avogou por “estreitar os lazos que unen a Cuba con Galicia e, en especial, co noso municipio”, neste senso, destacou “o potencial de Lugo no sector agrogandeiro e turístico, ambos de gran importancia tamén para o país cubano”.
Puxo en valor as empresas lucenses, especialmente as vinculadas ao sector primario que exercen como tractoras na provincia e que, polo tanto, repercuten en Lugo como capital, destacando que “a súa facturación atópase en incremento, cunha volume que superou en 2022 os 3.200 millóns de euros”. Así mesmo, a rexedora destacou a importancia de Cuba como territorio receptor de investimentos españois e cualificou a visita como “unha magnifica ocasión para que os empresarios e empresarias lucenses poidan abrir novos mercados no país caribeño, cuxa relación comercial con Lugo mantén un vínculo estable e lonxevo desde hai décadas a través da Cámara de Comercio da nosa cidade e outros colectivos empresariais”.
A delegación, na que viaxan representantes dunha decena de empresas cubanas e da que tamén forman parte membros da Embaixada de Cuba en España, visitará durante os próximos días a provincia de da man da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Cámara de Comercio de Lugo, tendo prevista unha apertada axenda de traballo que inclúe encontros institucionais con diferentes representantes públicos e privados, así como visitas a empresas lucenses punteiras e axenda de contactos empresariais B2B.