Lugo estuda adherirse á Rede de Cidades que Camiñan

LugoXa
A Rede de Cidades que Camiñan é unha asociación internacional sen ánimo de lucro que integra actualmente 87 cidades e 3 deputacións
Reunión-Lugo-Rede-de-Cidades-que-Camiñan
15 Feb 2025

Representantes da Rede de Cidades que Camiñan reuníronse co Concello de Lugo para estudar a posible adhesión da cidade a esta iniciativa.

Segundo anunciou Rubén Arroxo, desde a Tenencia de Alcaldía valorarase esta incorporación, pois "permitirá avanzar nos principais obxectivos de mobilidade, como facer das e dos peóns o centro da mobilidade e convertelos nos protagonistas do espazo público".

A Rede de Cidades que Camiñan é unha asociación internacional sen ánimo de lucro que integra actualmente 87 cidades e 3 deputacións, sumando un total de 9.759.037 habitantes.

O seu obxectivo é a mellora do espazo público para fomentar a camiñabilidade, a mobilidade sostible, a accesibilidade universal, a seguridade viaria e a calidade do medio ambiente urbano, ademais de impulsar a autonomía infantil.

Arroxo subliñou que "proxectos como a cidade dos 5 minutos, nos que traballamos desde a Tenencia de Alcaldía, fannos avanzar nestes obxectivos". Ademais, destacou os servizos que a rede ofrece ás administracións asociadas, como visitas técnicas, campañas de promoción, actividades formativas e asesoramento técnico.

Tamén difunde boas prácticas en accesibilidade universal e mobilidade sostible, ademais de promocionar os atractivos turísticos e ambientais dos concellos membros a través da súa web, a Revista Ekko e as redes sociais.

A posible adhesión de Lugo a esta rede reforzaría o compromiso da cidade coa mobilidade sostible e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes, consolidando iniciativas que fomentan un urbanismo máis accesible e centrado nas persoas.

0.1744978427887