Lugo estuda ampliar os vieiros escolares cunha nova ruta no CEIP As Mercedes

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo está a valorar a ampliación do proxecto Camiño ás Aulas coa creación dunha nova ruta no CEIP As Mercedes nos vindeiros meses, segundo avanzou a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide.
A edila lembrou que esta iniciativa consiste no acompañamento diario do alumnado por parte de monitores ao longo de todo o curso escolar, garantindo desprazamentos seguros desde os fogares ata os centros educativos. Cada unha das rutas dispón de diferentes puntos de recollida, pensados para facilitar a incorporación das nenas e nenos no lugar máis próximo ás súas vivendas, cunha chegada aos colexios que se produce, como máximo, 5 minutos antes da hora de entrada.
Buide subliñou que a implantación dos vieiros escolares supón tamén unha transformación nos hábitos de mobilidade, cun descenso progresivo do uso do vehículo privado nas contornas educativas. Neste sentido, explicou que as actuacións de calmado do tráfico desenvolvidas pola área de Mobilidade nos últimos anos fan posible que os centros conten con estes itinerarios seguros, favorecendo unha circulación máis pausada e unha maior seguridade viaria.
Estas declaracións realizáronse no marco dun encontro mantido polo tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Educación, coas nenas e nenos participantes no proxecto. Actualmente, os Vieiros Escolares Seguros permiten ao alumnado dos CEIP Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai e Rosalía de Castro desprazarse ata o colexio por percorridos protexidos que, ademais de promover hábitos de vida saudables, achegan ás crianzas aos espazos peonís creados na cidade nos últimos anos. Buide destacou tamén que o servizo contribúe á conciliación familiar e á diminución do tráfico rodado nas inmediacións dos centros educativos.