Lugo estuda habilitar terreo municipal como aparcadoiro pola falta de prazas tras as obras da Intermodal

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, supervisou a configuración que ofrecen varias parcelas sitas na contorna da Estación do Ferrocarril nas que o Concello estuda actuar para habilitar un aparcadoiro temporal cara o inminente inicio das obras de construción da nova Intermodal.
visita_paula_alvarellos_adif
8 Mar 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, supervisou a configuración que ofrecen varias parcelas sitas na contorna da Estación do Ferrocarril nas que o Concello estuda actuar para habilitar un aparcadoiro temporal cara o inminente inicio das obras de construción da nova Intermodal. O obxectivo da visita foi avaliar as posibilidades que teñen estes terreos, duns 950 metros cadrados de superficie, para paliar “o déficit de prazas de estacionamento que se producirá de forma circunstancial mentres o Adif execute os traballos e para os que será chegará un momento no que sexa preciso pechar o actual aparcamento do que dispón en Conde Fontao”.

A rexedora situou como “próximo” o comezo da intervención do ente ferroviario ao tempo que tamén avanzou que nos primeiros meses “todo parece indicar que será posible a conciliación destes labores coa permanencia da flota de vehículos de Correos, principal usuario deste espazo, no mesmo recinto”. A estación Intermodal non só “está chamada a mellorar as comunicacións da nosa cidade, senón que contribuirán á transformación urbanística da zona”.

Segundo ela, a actuación impulsará a competitividade territorial ao conectar Lugo coa alta velocidade. “A nosa disposición foi sempre, e seguirá sendo, de total colaboración co resto de administracións implicadas e estamos convencidos de que a mellora desta infraestrutura será un factor determinante para poder expandir o noso tecido produtivo e fixar poboación”, proseguíu. A obra tamén influirá moi positivamente nesta contorna “rompendo co illamento ao que estiveron sometidos os barrios de Paradai e o Sagrado Corazón”, concluíu Alvarellos.

0.19934296607971