Lugo expresa a súa condena unánime ao xenocidio do pobo palestino en Gaza

LugoXa
A Corporación Municipal gardou un minuto de silencio e a Deputación sumouse cun acto en San Marcos contra a violencia e os discursos de odio
Concentración-contra-o-xenocidio-do-pobo-palestino-Lugo
19 Sep 2025

A Corporación Municipal de Lugo amosou a súa repulsa unánime ante o xenocidio que sofre o pobo palestino en Gaza cunha concentración fronte á Casa Consistorial na que se gardou un minuto de silencio en memoria das máis de 60.000 vítimas mortais dos bombardeos e ataques de Israel. A xornada serviu tamén para reafirmar o compromiso da cidade coa defensa dos dereitos humanos.

Durante o acto, os concelleiros e concelleiras fixeron pública a súa condena contra os ataques e o bloqueo humanitario imposto por Israel sobre a franxa, unha situación que cualificaron de catástrofe sen precedentes para a poboación civil.

A iniciativa enmárcase no acordo adoptado pola Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que instou aos concellos a convocar minutos de silencio como símbolo de rexeitamento á masacre en Gaza. A declaración inclúe tamén a petición dirixida tanto a Israel como a Hamás para pactar e manter un alto ao fogo e para poñer fin ao bloqueo e ás restricións que sofren os habitantes da franxa.

Paralelamente, a Deputación de Lugo celebrou un acto público na Praza de San Marcos como mostra de condena enérxica e repulsa fronte ao antisemitismo e a islamofobia. Con esta iniciativa, a institución provincial quixo reafirmar o seu compromiso co respecto a todas as comunidades, culturas e relixións, ao tempo que expresou a súa solidariedade con todas as vítimas, en especial coas persoas desprazadas, feridas ou que perderon aos seus seres queridos en Gaza.

A Deputación sumouse así á convocatoria realizada pola FEGAMP, que instou ás institucións galegas a manifestar a súa oposición ao xenocidio do pobo palestino.

⚙ Configurar cookies
0.11022996902466