Lugo foi o escenario da primeira edición do Concurso de Panadería e Pastelería Memorial Eneas
Lugo foi o escenario da primeira edición do Concurso de Panadaría e Pastelaría Memorial Eneas, organizado polos departamentos de Hostalaría e Turismo e de Industrias Alimentarias do Instituto IES Sanxillao.
Este evento reuniu a estudantes de diversas escolas que imparten estes estudos co obxectivo de promover o intercambio de coñecementos e habilidades entre os futuros profesionais do sector alimentario.
Nesta primeira edición, o primeiro premio foi para o Centro Integrado de FP CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, mentres que o segundo premio recibiu a Escola de Especialidades da Estación Naval da Graña, en Ferrol, e o terceiro premio foi para o Colexio CPR Belarmino Fernández Iglesias de Sober.
Durante a xornada, Eugenia Pérez, directora xeral de Formación Profesional, destacou o talento dos participantes e subliñou a importancia de apoiar e fomentar o desenvolvemento destas habilidades para o futuro da industria alimentaria en Galicia. Pérez resaltou o compromiso da Xunta coa formación en panadaría e pastelaría, co obxectivo de mellorar a inserción laboral e cubrir a demanda de profesionais cualificados.
A directora xeral engadiu que centros como o IES Sanxillao reforzan a súa oferta con ciclos formativos que responden ás necesidades do mercado. "O noso obxectivo é consolidar unha formación de calidade, aliñada coas esixencias do sector e cunha clara vocación de futuro", afirmou.
Pérez tamén puxo en valor a alta demanda das ensinanzas de Formación Profesional, tanto por parte do alumnado como das empresas, que buscan profesionais preparados para incorporarse ao mercado laboral. Neste sentido, referiuse ao novo Plan FPGal360, unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca reducir o abandono escolar e atraer ao sistema educativo a persoas con baixa cualificación.
Pola súa parte, Ana Méndez, directora xerente de Galicia Calidade, destacou a importancia de dar a coñecer os produtos certificados polo selo de calidade aos futuros profesionais. Neste caso, centraronse nos produtos de panadaría e pastelaría como a nata, ovos, queixos ou leite de marcas galegas de recoñecido prestixio.
Entre os participantes atópanse o CIFP Carlos Oroza, CIFP Compostela, CIFP Manuel Antonio, CIFP Paseo das Pontes, CIFP Fraga do Eume, CIFP Vilamarín, IES de Foz, CPR Belarmino Fernández Iglesias, a Escola de Hostalaría ESENGRA.
Os participantes optaron a premios valorados entre 150 e 700 euros, que lles permitirán adquirir material especializado e seguir ampliando a súa formación no sector.