Lugo formará parte do Placemaking Week Europe 2022 de Pontevedra
A Placemaking Week Europe 2022 que se celebra en Pontevedra no mes de setembro contará coa participación de Lugo. O tenente alcalde, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza coa portavoz do goberno de Pontevedra e concelleira de réxime interior, contratación e promoción da cidade do concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro, na que falaron sobre a participación da cidade amurallada no evento.
“Lugo participará neste congreso de mobilidade para mostrar como estamos a facer fronte aos retos de mobilidade do presente e do futuro”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “todas as cidades están a avanzar de cara a unha mobilidade sostible, poñendo ás persoas no centro e apostando polo transporte público e os medios de transporte alternativos”.
Anabel Gulías, portavoz do goberno de Pontevedra, destacou que “de cara a este evento buscamos coñecer cidades que están a marcar un antes e un despois na transformación urbana, traballo como o que están a facer desde a área de Mobilidade do Concello de Lugo”. “Realizaremos unha actividade arredor dos procesos de transformación urbana de Lugo e traballaremos para que Lugo sexa un dos exemplos protagonistas do evento”, afirmou.
Lugo acudirá á Placemaking Week Europe 2022 para presentar o proxecto de cidade posto en marcha pola área de Mobilidade nos últimos anos.
A Placemaking Week Europe é a maior xuntanza a nivel europeo sobre urbanismo e planificación de mobilidade. Anualmente, compártense experiencias e maneiras de traballar entre as distintas cidades participantes.
A primeira edición da Placemaking Week Europe foi en 2017, en Amsterdam, e realizouse tamén en Estocolmo e Valencia. Este ano chega por primeira vez a Galicia, organizada polo Concello de Pontevedra, e reunirá a máis de 400 expertos en mobilidade.