Lugo grava un podcast con estudantes locais para promover a participación xuvenil na Unión Europea

LugoXa
Neste episodio participaron estudantes dos centros educativos CPR Divino Maestro, membro da rede de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo (EPAS)
Podcast-Xuventude-Lucense-en-Europa
31 Jan 2025

O Salón de Plenos da Casa Consistorial de Lugo acolleu a gravación do podcast 'Xuventude Lucense en Europa', unha iniciativa impulsada polo centro Europe Direct Lugo, dependente da Concellería de Dinamización Económica e Relacións Institucionais.

Neste episodio participaron estudantes dos centros educativos CPR Divino Maestro, membro da rede de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo (EPAS), ao igual que o Colexio FEC San José.

Este proxecto, que se iniciou no mes de decembro, ten como obxectivo achegar á mocidade lucense os valores da Unión Europea e do Parlamento Europeo, a través dun programa de actividades prácticas, debates e reflexións. A súa finalidade é promover a participación democrática, a igualdade e a cidadanía activa entre os mozos, ao tempo que conectan os retos locais cos europeos.

Ademais, está estruturado en tres fases: un traballo preparatorio por parte do alumnado, a gravación en centros educativos e, nesta ocasión, a grabación na Casa Consistorial. O resultado final permite dar voz aos mozos e mozas nun espazo institucional que representa á cidade.

O programa debateu catro grandes bloques temáticos: Medio Ambiente e Cambio Climático, Igualdade, Lugo e Europa, e inclúe tamén preguntas abertas á alcaldesa, xerando un intercambio de opinións entre os participantes e a rexedora. Este formato, moderado por un presentador, fomenta o diálogo entre a mocidade e as autoridades locais, permitindo que os mozos expresen as súas ideas en espazos institucionais emblemáticos como o Salón de Plenos.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou a importancia de escoitar as novas xeracións e comentou que "este podcast é un exemplo de como establecer un diálogo construtivo entre xeracións e reforzar o vínculo da mocidade coas institucións". Alvarellos tamén subliñou a relevancia dos temas tratados, como o medio ambiente, a igualdade e a relación de Lugo co resto de Europa, asegurando que "escoitar á mocidade é esencial para construír unha sociedade máis participativa e consciente dos retos que compartimos en Lugo e en Europa".

Mauricio Repetto, concelleiro de Dinamización Económica, valorou este proxecto como unha proposta innovadora na educación e un exemplo de compromiso coa cidadanía.

Pola súa parte, os docentes e coordinadores das Escolas Embaixadoras subliñaron que o formato podcast axuda aos estudantes a desenvolver habilidades de comunicación e a traballar en equipo para expresar as súas ideas dun modo colaborativo.

0.16814613342285