Lugo homenaxea a Ángela Pardo Celada, pioneira da xinecoloxía na cidade

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, dirixida pola concelleira Maite Ferreiro, organizou un acto de homenaxe a Ángela Pardo Celada, pioneira na medicina lucense e primeira muller que exerceu como xinecóloga na cidade.
A edil participou esta mañá xunto a familiares da doutora no descubrimento da placa honorífica situada en Campo Castelo, lugar no que a doutora desenvolveu boa parte da súa carreira profesional e onde atendeu durante décadas a xeracións de lucenses. O acto contou coa colaboración do Colexio Oficial de Médicos, o Colexio Oficial de Enfermaría, o HULA, o grupo CienciaNOSA da USC e a familia da médica.
Ferreiro salientou que “con esta placa lembramos a unha muller que traballou polo benestar das mulleres de Lugo, unha figura histórica que merece un importante recoñecemento”. Ademais, subliñou que a súa traxectoria representa un exemplo de valentía e compromiso nun tempo no que o acceso das mulleres á formación universitaria e á práctica médica afrontaba importantes barreiras.
A Tenencia de Alcaldía quere poñer en valor o papel das mulleres que abriron camiño na ciencia e na medicina, visibilizando o seu legado e mantendo viva a súa memoria.
Ángela Pardo Celada foi a primeira muller que exerceu a xinecoloxía en Lugo. Nacida en Becerreá en 1904, especializouse en xinecoloxía en 1927, presentou a súa tese doutoral en Madrid no ano 1940 tras formarse en Alemaña e abriu ese mesmo ano a súa consulta na cidade, actividade que compaxinou co traballo na sanidade pública, onde chegou a ser xefa de Xinecoloxía do Hospital de Lugo.