Lugo homenaxea ao músico Xoán Montes
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, acompañados da deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, asistiron esta tarde á Ofrenda ao compositor, instrumentista e músico lucense Xoán Montes.
Durante o acto celebrado diante do seu busto localizado na Praza Maior, interpretáronse pezas compostas polo homenaxeado, así como o Himno Galego. Alexandre Penas lembrou o último proceso de restauración do busto de Xoán Montes no que "se limparon as pezas de granito e de mármore, eliminando restos de óxido ademais de pintadas e manchas”.
Tamén quixo recordar o seu cambio de localización hai 4 anos, "mudando a unha ubicación escollida debido a que o propio Xoán Montes desenvolveu boa parte da súa actividade musical no quiosco da música da praza Maior, o Círculo das Artes e a Catedral”, lembrou Alexandre Penas, que engadiu “o traslado realizouse por iniciativa de varios colectivos culturais de Lugo co obxectivo de resituar a figura do músico no centro de Lugo“.