Lugo homenaxeará a Castelao en Nadela cunha placa conmemorativa

LugoXa
A imaxe poderá verse na exposición sobre a historia da Feira de Nadela
placa-conmemorativa-Castelao-Nadela-Lugo
20 Feb 2025

O Goberno municipal de Lugo renderá tributo a Castelao en Nadela, o lugar onde chegou á cidade en 1932 para ser homenaxeado polas Irmandades da Fala.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou que "ao longo do ano desenvolveremos unha ampla programación de actividades enmarcadas no ciclo Castelao en Lugo, con motivo do Ano Castelao 2025", e engadiu que "a conmemoración da súa chegada en 1932 será unha das primeiras iniciativas deste ciclo".

O representante municipal anunciou que o Concello de Lugo instalará unha placa conmemorativa no punto onde se tomou a histórica fotografía daquel evento, o 19 de xuño de 1932. A imaxe poderá verse na exposición sobre a historia da Feira de Nadela, organizada pola área de Participación en colaboración coa comunidade local, que estará dispoñible na carpa da feira o vindeiro sábado 22.

Na fotografía, ademais de Castelao, aparecen destacadas figuras da cultura galega como Manuel Lugrís, Ramón Vilar Ponte, Francisco Fernández del Riego, Antón Vilar Ponte, Plácido Castro, Otero Pedrayo, Rodríguez Somoza, Manuel Beiras, Ramón Suárez Picallo, Carlos Maside e Alexandre Bóveda.

Rubén Arroxo destacou que esta imaxe é "un fragmento fundamental da historia de Lugo e de Galiza" e subliñou que "desde a Tenencia de Alcaldía daremos a difusión que merece, especialmente significativa no contexto do Ano Castelao 2025".

0.081991910934448