Lugo homenaxeará a Moncho Reboiras coa colocación dun busto na cidade

LugoXa
O Concello unirase aos actos conmemorativos do 50 aniversario do asasinato do último represaliado polo franquismo en Galicia
busto-Moncho-Reboiras-Lugo
25 Nov 2025

O Concello de Lugo traballa na visibilización da figura de Moncho Reboiras coa creación dun busto que se colocará nas inmediacións do Vello Cárcere.

A obra está a elaborarse no obradoiro de escultura e será parte das homenaxes que se realizarán por todo o país no ano no que se cumpre o 50 aniversario do asasinato de Reboiras, a última persoa asasinada polo franquismo en Galicia.

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que Lugo se unirá a estas iniciativas, situando un busto que recorde a súa figura na cidade.

"Desde Lugo apoiamos esta iniciativa uníndonos a outras cidades, como Compostela ou Ferrol, que tamén colocarán un busto coa imaxe de Moncho Reboiras", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu que outras vilas galegas tamén participarán nesta homenaxe a unha persoa asasinada polos seus ideais.

Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, destacou que con esta acción a Tenencia de Alcaldía promove a memoria histórica e lembra a Reboiras como unha figura simbólica na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais, seguindo a liña de intervencións artísticas que xa se executan en Lugo, como o Día da Galiza Mártir ou a colocación de imaxes no Cemiterio Municipal en recordo das persoas represaliadas polo franquismo.

O tenente alcalde tamén resaltou o legado de Reboiras como unha figura clave na organización da clase traballadora galega e na creación do Sindicato Obreiro Galego, antecedente da CIG, lembrando que non foi ata 2009 cando o Estado español o recoñeceu oficialmente como vítima do franquismo. Reboiras foi asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975, despois de que a noite anterior a Brigada Político Social establecera un control no barrio ferrolán de Canido.

⚙ Configurar cookies
0.051033020019531