Lugo homenaxeará a Moncho Reboiras cun busto no 50 aniversario do seu asasinato

LugoXa
O Concello únese ás actividades organizadas en todo o país para lembrar á última vítima do franquismo en Galicia
homenaxe-a-Moncho-Reboiras-Lugo
11 Aug 2025

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantivo un encontro con Suso Seixo e Rubén Cela, representantes da comisión formada polas fundacións Galiza Sempre, Terra e Tempo e Moncho Reboiras, impulsora dos actos que conmemorarán o medio século do asasinato de Moncho Reboiras, a derradeira persoa executada polo franquismo en Galicia.

Durante a reunión, Arroxo confirmou que o Concello se sumará a estas homenaxes instalando un busto coa figura de Reboiras na cidade, unha acción que se enmarca nas actividades programadas por todo o territorio galego. “Desde Lugo apoiamos esta iniciativa, sumándonos a outras cidades como Compostela ou Ferrol, que tamén colocarán un busto co seu rostro. Outras vilas de Galiza formarán parte desta lembranza a unha persoa asasinada unicamente polos seus ideais”, manifestou.

A Tenencia de Alcaldía subliñou que esta será unha nova intervención artística destinada a preservar a memoria histórica, seguindo a liña doutros recoñecementos realizados polo Concello, como as homenaxes do Día da Galiza Mártir ou a colocación dunha imaxe no Cemiterio Municipal en lembranza das vítimas da represión franquista.

Arroxo destacou a relevancia histórica de Moncho Reboiras como “figura esencial na organización da clase traballadora galega” e lembrou a súa implicación na creación do Sindicato Obreiro Galego, precedente da actual CIG. Tamén apuntou que non foi ata 2009 cando o Estado español o recoñeceu oficialmente como vítima do franquismo, sendo a última persoa asasinada polo réxime na Galiza.

Reboiras foi abatido na madrugada do 12 de agosto de 1975, despois de que a noite anterior a Brigada Político Social establecese un operativo no barrio ferrolán de Canido. Ás dúas da mañá, varios efectivos desta unidade, xunto con axentes da Policía Armada, rodearon o edificio no que se atopaba. Durante máis de dúas horas logrou escapar, ata que finalmente foi interceptado no portal dun inmoble da rúa da Terra, onde perdeu a vida.

⚙ Configurar cookies
0.10964298248291