Lugo homenaxeará ás persoas represaliadas polo franquismo no día da Galiza Mártir

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, convidou a toda a cidadanía lucense a participar na homenaxe institucional organizada pola Tenencia de Alcaldía do Concello e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, coincidindo coas celebracións do Día da Galiza Mártir.
O acto celebrarase o luns 18 de agosto, a partir das 12:00, no Vello Cárcere, dentro do compromiso do Goberno de Lugo de “continuar a manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais”.
Durante a xornada, Maite Ferreiro dará lectura do manifesto elaborado pola Fundación Alexandre Bóveda para o Día da Galiza Mártir de 2025.
Con esta acción, Concello e Deputación continúan traballando na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra, e na memoria de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na historia democrática galega.
O Concello de Lugo acordou institucionalizar a celebración do Día da Galiza Mártir en febreiro de 2020, e desde a área de Cultura realizouse a primeira homenaxe o 17 de agosto dese ano.