Impleméntase un novo sistema de control de tráfico nos polígonos de O Ceao e As Gándaras

O novo sistema de control de tráfico nos polígonos industriais de O Ceao e As Gándaras comezará a funcionar de xeito inmediato, unha vez que os axentes da Policía Local finalicen a súa formación.
A alcaldesa, Paula Alvarellos, destacou que a prioridade do goberno local é dotar de máis ferramentas á Policía Local para mellorar a seguridade viaria e a xestión do tráfico nestas zonas clave para a actividade económica de Lugo.
O dispositivo estará composto por seis cámaras localizadas en puntos estratéxicos, como a avenida de Benigno Rivera, a súa confluencia con Infanta Elena, a rúa Agricultura e a rúa das Comunicacións, preto da rúa dos Carros. Estas localizacións permitirán monitorizar o tránsito de vehículos entre ambos polígonos e os seus enlaces coas principais vías de comunicación.
Unha das principais características deste novo sistema é a súa versatilidade, xa que conecta a aplicación de control de tráfico da Policía Local coa plataforma de xestión integral de seguridade.
Segundo explicou o inspector da Policía Local, José Manuel Río, o sistema estará vinculado coa base de datos da DGT, o que permitirá realizar tarefas como o aforamento de vehículos, a identificación das súas etiquetas de distinción ambiental e, en casos necesarios, o cribado de vehículos segundo criterios como a hora de tránsito, marca, modelo, matrícula ou cor.
Ademais, as cámaras estarán equipadas cun sistema de alarma antisabotaxe conectado cunha central receptora, garantindo unha resposta inmediata ante calquera incidencia. Toda a información recollida será accesible en tempo real polos axentes, mellorando a súa capacidade de reacción ante situacións de emerxencia ou alteracións na circulación.
Alvarellos subliñou que esta medida responde á aposta do goberno local pola seguridade e a modernización dos polígonos industriais. "Este sistema supón un avance significativo na xestión do tráfico e a seguridade viaria, ofrecendo unha resposta máis rápida e eficaz ante calquera incidente", concluíu a alcaldesa.