Lugo impulsa a súa rede social con novas axudas para igualdade, atención psicolóxica e subvencións estratéxicas

LugoXa
O Concello aprobará esta semana un investimento de máis de 722.000 euros para reforzar o tecido asociativo, combater a violencia de xénero e actualizar o Plan de Subvencións de 2025
Goberno-local-de-Lugo
27 May 2025

O Concello de Lugo aprobará esta semana tres medidas que suman un investimento total de 722.600 euros: unha nova convocatoria de subvencións do Servizo de Igualdade, a prórroga do servizo de apoio psicolóxico a menores vítimas de violencia de xénero e a actualización do Plan Estratéxico de Subvencións para o exercicio 2025.

“Lugo é hoxe unha cidade viva grazas ao traballo das súas asociacións. Desde o Goberno local temos claro que sen elas non sería posible construír unha cidade participativa, creativa e integradora. Por iso seguimos reforzando esa alianza cun compromiso firme, planificado e estable no tempo”, sinalou o alcalde, Miguel Fernández.

Desta maneira, o Concello aprobará unha nova convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, dirixida a entidades sen ánimo de lucro con sede en Lugo que traballen na defensa da igualdade, na promoción da diversidade afectivo-sexual e na loita contra as violencias machistas.

A convocatoria estrutúrase en dúas liñas específicas: unha orientada ás asociacións que desenvolven proxectos con mulleres, e outra dirixida a entidades que actúan no ámbito LGTBIQ+. Esta diferenciación permite adaptar os apoios públicos ás necesidades e realidades de cada colectivo. A contía total ascende a 25.000 euros, e o procedemento será íntegramente telemático.

Por outra banda, o Goberno local tamén renovará por un ano o contrato do servizo municipal de atención psicolóxica a menores fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, co obxectivo de garantir a continuidade dunha intervención especializada que ten demostrado a súa eficacia e necesidade. O programa ofrece atención individualizada e adaptada ao calendario escolar, cun enfoque que prioriza a seguridade emocional, a recuperación e o benestar dos menores en situación de especial vulnerabilidade. Desenvolverase entre o 7 de xullo de 2025 e o 6 de xullo de 2026, cun orzamento de 12.500 euros financiado con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Finalmente, a terceira das medidas previstas é a actualización do Plan Estratéxico de Subvencións para o exercicio 2025, que contempla un investimento global de 685.100 euros, distribuídos entre 259.100 euros en subvencións nominativas a proxectos específicos desenvolvidos por entidades con traxectoria recoñecida e 426.000 euros en subvencións por concorrencia, tanto competitiva como non competitiva, que se convocarán publicamente ao longo dos próximos meses.

A previsión é que estas liñas beneficien directamente a un mínimo de 25 entidades da cidade, aínda que esa cifra podería aumentar coas resolucións definitivas.

⚙ Configurar cookies
0.1550669670105