Lugo impulsa un cento de cursos gratuítos en economía social e novos sectores profesionais

LugoXa
O Concello, en colaboración con Foro de Formación e Edicións, ofrece formación online para mellorar a empregabilidade e actualizar competencias profesionais
cursos-gratuítos-Foro-de-Formación-Lugo
8 Oct 2025

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Dinamización Económica, colabora con Foro de Formación e Edicións na promoción e captación de alumnado para o Plan de Formación en Economía Social 2025, un programa cofinanciado por FUNDAE e totalmente gratuíto para a cidadanía.

A iniciativa pon á disposición da veciñanza un cento de cursos online orientados a mellorar as competencias profesionais e favorecer a inserción laboral. As accións están dirixidas a persoas traballadoras en activo, autónomas e desempregadas, reservándose un 30 % das prazas especificamente para estes dous últimos colectivos.

A programación estrutúrase en seis grandes bloques: economía social e competencias transversais, sector agrario, forestal e pecuario, industria química, medio ambiente, industria alimentaria e servizos ambientais e limpeza profesional. Inclúe cursos de liderado feminino, emprendemento social, intelixencia artificial, dixitalización, ciberseguridade, apicultura, técnicas de poda, extinción de incendios forestais, prevención de riscos laborais, impresión 3D, reciclaxe, primeiros auxilios, seguridade alimentaria, coordinación de equipos e moitos máis.

O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou que “a mellora da empregabilidade é clave para fortalecer o noso tecido produtivo e abrir novas oportunidades á veciñanza de Lugo. Con esta colaboración queremos garantir que quen precise actualizar coñecementos ou adquirir novas competencias poida facelo sen custo e con flexibilidade”.

Segundo Repetto, “falamos dunha oferta ampla, que combina sectores tradicionais do noso rural con áreas de vangarda como a dixitalización ou a intelixencia artificial. Queremos que Lugo sexa tamén un referente en formación ao servizo da cidadanía”.

⚙ Configurar cookies
0.072060823440552