Lugo impulsa un modelo de reparto sostible e inclusivo co apoio do proxecto europeo Socilibre

LugoXa
O Concello licita un estudo de viabilidade para implantar un sistema de distribución urbana con bicicletas de carga e ofrecer emprego a colectivos vulnerables
proxecto-SOCILIBRE-Lugo
1 Jul 2025

O Concello de Lugo continúa a avanzar cara a un modelo de cidade máis sostible e inclusiva mediante a súa participación no proxecto europeo Socilibre, cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg Europe 2021-2027. Esta iniciativa aposta por un sistema de reparto de última milla baseado en bicicletas de carga e pola inserción laboral de persoas en risco de exclusión social, como refuxiados e inmigrantes.

A proposta avanza con paso firme tras a licitación, por 32.404,99 euros, dun estudo de viabilidade que sentará as bases para desenvolver esta rede de reparto urbano. O alcalde, Miguel Fernández, destacou que Lugo aspira a ser referente en “mobilidade limpa, cohesión social e innovación urbana”, en liña coa estratexia municipal de cidade sostible, conectada e inclusiva.

A implantación do modelo prevé centros loxísticos na periferia e a distribución na futura Zona de Baixas Emisións (ZBE), que abranguerá o interior do recinto amurallado da cidade, zona de alta densidade comercial e hostaleira. A ZBE implicará restricións de acceso e circulación a vehículos contaminantes para mellorar a calidade do aire, reducir ruído e gases contaminantes. Neste contexto, o uso de bicicletas de carga será clave para acadar os obxectivos ambientais da cidade.

O encontro deste luns reuniu en Lugo representantes do Concello, da Cámara de Comercio e Industria de Braga, da Universidade do Miño, da Cruz Vermella Española e Portuguesa, así como da empresa municipal BragaHabit e da Asociación Empresarial de Braga (AEBraga), todos socios do proxecto liderado pola Cámara Municipal de Braga.

Ademais, esta aposta pola mobilidade sostible intégrase na estratexia do Plan de Actuación Integrado (PAI) de Lugo Novo Norte, que contempla a transformación urbana de varios barrios, máis espazo peonil e a reordenación do tráfico. Unha das accións destacadas será a creación dun bulevar verde na Avenida da Coruña, cunha senda peonil que conectará este eixo co centro histórico e co resto da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.17542290687561