Lugo impulsa unha nova ordenanza para conservar e rehabilitar inmobles

LugoXa
A normativa, en fase de exposición pública, permitirá actuar sobre edificios abandonados ou en ruína e reforzará a seguridade xurídica en materia urbanística
Pleno-Municipal-do-31-de-xullo-de-2025-Lugo
25 Aug 2025

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou a aprobación inicial da Ordenanza Municipal de Conservación e Rehabilitación de Inmobles, co que se abre un prazo de trinta días hábiles para a presentación de alegacións.

Unha vez concluído, a área de Urbanismo do Concello de Lugo deberá analizar as propostas recibidas antes de proceder á aprobación definitiva, prevista nun período de dous ou tres meses, polo que se agarda que a ordenanza poida estar en vigor antes de rematar o ano.

A nova ordenanza, aprobada inicialmente polo pleno municipal o pasado 31 de xullo, supón unha revisión integral que substitúe e unifica dúas normativas xa obsoletas de 2009 e 2013.

O texto actualízase ao marco legal estatal e galego en vigor, o que permitirá non só mellorar a eficacia á hora de actuar en inmobles en estado de ruína ou abandono, senón tamén reforzar a seguridade xurídica. Esta medida facilitará desbloquear actuacións urbanísticas e incrementar a capacidade de intervención en casos de deterioro de edificios.

Publicada xa no BOP e na web municipal, calquera persoa interesada poderá examinar o documento e presentar alegacións no prazo aberto de trinta días hábiles. A ordenanza establece medidas de cumprimento obrigatorio para os propietarios, incluíndo sancións económicas, execución subsidiaria das obras e, en casos extremos, expropiación ou venda forzosa.

Subvencións para rehabilitación no centro histórico

De xeito paralelo, o Concello abriu un novo prazo de dous meses para solicitar subvencións destinadas a rehabilitacións integrais no centro histórico, que rematará o próximo 28 de setembro.

Estas axudas céntranse en actuacións de eficiencia enerxética en comunidades de veciños, co obxectivo de mellorar a envolvente térmica dos edificios e reducir o consumo. Para esta convocatoria dispóñense 424.186 euros, dos que 334.700 se destinarán a axudas xerais, 65.411 á retirada de amianto e 24.075 a familias en situación de vulnerabilidade.

As persoas interesadas deberán contar co certificado de eficiencia enerxética do seu edificio ou vivenda, rexistrado no INEGA, como requisito previo á solicitude. Para resolver dúbidas, as consultas poden facerse no Servizo Municipal de Evislusa, no edificio do Impulso Verde.

⚙ Configurar cookies
0.17311596870422