Lugo impulsará puntos seguros en grandes áreas comerciais con formación en igualdade ao persoal

A área de Muller e Igualdade do Concello de Lugo promoverá a creación de puntos seguros en grandes áreas comerciais do municipio mediante a impartición de cursos de formación en igualdade dirixidos ao persoal das empresas e establecementos que o soliciten. O obxectivo da iniciativa é garantir que as traballadoras e traballadores conten cos coñecementos necesarios para identificar e saber como actuar ante situacións de agresións sexistas.
Así o explicou a concelleira de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, quen indicou que a formación permitirá dotar ao persoal de pautas para detectar este tipo de comportamentos e coñecer os protocolos de actuación, co fin de ofrecer unha atención segura, respectuosa e libre de revictimización ás mulleres que poidan sufrir este tipo de violencia. Novo lembrou que noutros concellos de Galicia xa se puxeron en marcha iniciativas semellantes, cunha boa resposta e resultados positivos.
A responsable municipal subliñou que a finalidade última do programa é avanzar cara a un municipio libre de agresións machistas, incluídas aquelas máis sutís e normalizadas socialmente. “Queremos facer partícipe a toda a sociedade da importancia de frear este tipo de agresións e dar un paso máis na implicación das empresas e das grandes áreas comerciais na prevención do acoso e da violencia machista”, afirmou.
O primeiro dos cursos formativos contará cun total de 15 prazas e desenvolverase ao longo de catro horas, de 10.00 a 14.00 horas, nos vindeiros días 18 e 19 de febreiro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico igualdade@lugo.gal, e as prazas cubriranse por orde de recepción das solicitudes.
A formación centrarase no funcionamento do denominado Punto Seguro e nas pautas básicas de actuación e acompañamento ante situacións de violencia machista e sexual. Previamente, incluirase unha introdución sobre a identificación da violencia de xénero e as súas distintas manifestacións, coa explicación da denominada escaleira da violencia, así como a desmontaxe de mitos arredor da violencia sexual.
O curso, que se impartirá nas instalacións do CEI-Nodus, apostará por unha metodoloxía práctica, con dinámicas de grupo e exercicios aplicados a situacións reais. Ademais, fomentarase a participación activa do alumnado a través do debate, a reflexión e a análise crítica, co obxectivo de que o persoal formado poida aplicar de maneira efectiva os coñecementos adquiridos na atención e acompañamento ante posibles casos de violencia machista e sexual.