Inauguran unha gaiola de drons para impulsar a formación e a investigación no campus de Lugo

LugoXa
A nova infraestrutura permitirá ao alumnado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría realizar prácticas con drons en condicións seguras
gaiola-de-drons-USC-Lugo
18 Jul 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, inauguraron oficialmente unha nova infraestrutura no Campus de Lugo: a gaiola de drons situada na valgada, un espazo de titularidade provincial cedido para uso educativo.

Este recinto pechado, que xa está operativo, está pensado para impulsar a investigación, a formación e mellorar a calidade docente, especialmente tras a implantación de novas titulacións como o Grao en Robótica e o mestrado Universitario en Sistemas Aéreos Non Tripulados.

Durante o acto, Tomé Roca destacou que esta infraestrutura permitirá aos estudantes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría realizar prácticas con drons garantindo as máximas condicións de seguridade. Segundo apuntou, “a gaiola de drons simboliza como poñer a tecnoloxía ao servizo da formación, da innovación e do desenvolvemento do noso territorio” e representa unha recuperación intelixente dun espazo estratéxico no corazón do campus que agora cobra nova vida como centro de aprendizaxe práctica e resposta directa ás demandas do sector agroforestal.

O presidente provincial subliñou que esta instalación facilitará que o alumnado do Campus Terra se forme en condicións reais no manexo de drons, unha tecnoloxía cada vez máis presente no ámbito rural para aplicacións como a agricultura de precisión, vixilancia forestal, prevención de incendios, control de cultivos ou conservación ambiental, contribuíndo á produtividade, sustentabilidade e calidade de vida no rural lucense.

Pola súa parte, o reitor da USC agradeceu o apoio económico da Deputación e resaltou que a gaiola tamén servirá para fortalecer o traballo dos equipos de investigación dedicados á programación e deseño de aeronaves non tripuladas, que agora contan cun espazo onde probar as súas propostas. En palabras de Antonio López Díaz, “esta gaiola de drons reforza tanto a oferta educativa como a investigadora do Campus de Lugo”.

Na inauguración participaron tamén o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, Mª José López Couso; o vicerreitor de Organización Académica do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, Rosa Romero Franco; así como docentes do campus.

O novo espazo conta con arredor de 450 metros cadrados e unha altura de 10 metros, permitindo que os estudantes adquiran experiencia real en voos, configuración e control de drons. Ademais, facilitará o desenvolvemento de traballos fin de grao e fin de mestrado relacionados con navegación aérea avanzada, visión por computador ou control autónomo, consolidando un contorno de aprendizaxe innovador e adaptado ás necesidades do sector tecnolóxico actual. A infraestrutura tamén contribuirá á actualización do profesorado, que poderá estar en contacto directo cos últimos avances neste ámbito.

⚙ Configurar cookies
0.1801290512085