Lugo incorpora dez novos axentes ao seu corpo da Policía Local

LugoXa
A alcaldesa oficializou a toma de posesión dos sete novos axentes e a sinatura das actas que lles acreditan como funcionarias e funcionarios de carreira
novos-policiais-locais-Lugo
29 Oct 2024

Lugo incorpora dez novos axentes ao seu corpo da Policía Local, dos que sete tomaron posesión, mentres que os outros tres de mobilidade xa o fixeron a pasada semana. Este non será o único reforzo, xa que en breve se incorporarán outros sete axentes, que actualmente están en formación na Academia, e se cubrirán seis postos no organigrama de mandos. Así o explicou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, trala toma de posesión nun acto no que estivo acompañada polo intendente xefe, Jesús Piñeiro, e polo inspector, José Manuel Río Espiño.

A alcaldesa oficializou a toma de posesión dos sete novos axentes e a sinatura das actas que lles acreditan como funcionarias e funcionarios de carreira e destacou “a vosa gran formación, algúns no eido sanitario” ao tempo que lles desexou sorte para exercer “unha profesión dura, pero que nesta cidade é moi recoñecida”.

Paula Alvarellos eloxiou o traballo e o servizo que se desempeña desde a Policía Local de Lugo e asegurou que “este é un corpo excepcional e modélico, que se recoñece incluso fóra da nosa cidade, e polo que as e os lucenses estamos orgullosos”; pero ademais puxo en valor a incorporación da muller á Policía Local, xa que neste novo reforzo hai dúas axentes. “É importante que as mulleres demos ese paso ao fronte. Coa incorporación de axentes femininas á Policía Local non só se fomenta a igualdade neste corpo senón que se aporta unha visión diferente, que é algo bo e que enriquece”, sinalou Alvarellos Fondo.

0.10458302497864