Lugo incorporará un axente de innovación para reforzar os proxectos tecnolóxicos municipais

LugoXa
A nova figura impulsará iniciativas dixitais como a parroquia 55 e reforzará a modernización administrativa e turística
mauricio-repetto-pantallas-tactiles
11 Dec 2025

O Concello de Lugo integrará a comezos do próximo ano a figura dun axente local de innovación, unha incorporación destinada a reforzar o avance dos programas tecnolóxicos que se desenvolven nas distintas áreas municipais, con especial atención ás accións máis ambiciosas do proxecto Novo Norte, entre as que destaca a posta en marcha da parroquia 55, concebida como un espazo virtual. A administración local pode acometer esta contratación ao seren Lugo unha das cinco cidades galegas que recibiron a subvención da Secretaría de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades no marco das urbes pertencentes á Rede Innpulso.

Este apoio técnico e dixital permitirá ao Concello continuar medrando en ámbitos clave, como a Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, así como na implantación de solucións baseadas en novas tecnoloxías para avanzar cara a unha administración máis áxil, accesible e eficiente.

O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou que a incorporación deste profesional “será decisiva para manter o dinamismo dun Concello que aposta pola innovación e que segue progresando no ámbito dixital e tecnolóxico”. Indicou tamén que terá unha participación destacada na activación dos proxectos máis vangardistas do Novo Norte, entre eles a parroquia 55, “un rexistro dixital pensado para dinamizar á poboación migrante e promover actividades de participación e integración social a través das TICs”.

Repetto lembrou que esta será a segunda ocasión na que Lugo conte cun axente local de innovación grazas a esta liña de financiamento, unha figura que xa resultara fundamental na implantación de servizos destinados á cidadanía a través da administración electrónica e no asesoramento desenvolvido no CEI Nodus a proxectos orientados ao ecosistema local de emprendemento e innovación, especialmente no relativo á transformación dixital e aos servizos tecnolóxicos que se prestan no viveiro de empresas, sede deste novo axente.

Do mesmo modo, continuará prestando apoio en innovación ás empresas, contribuíndo a mellorar procesos organizativos, tecnolóxicos e estratéxicos mediante o uso de ferramentas dixitais que reforcen a funcionalidade e o rendemento dos negocios. Está previsto tamén que siga colaborando en proxectos vinculados á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, clave para avanzar cara a un modelo de xestión máis sostible, moderno e innovador, así como en iniciativas destinadas á modernización da administración local e dos servizos municipais, favorecendo unha maior implicación da veciñanza na vida política da cidade.

Repetto explicou igualmente que o axente local de innovación continuará prestando asistencia na elaboración de memorias técnicas para licitacións e proxectos públicos en materia de novas tecnoloxías, co obxectivo de fortalecer unha administración municipal máis eficaz, rápida e eficiente.

⚙ Configurar cookies
0.07941722869873