Promoven concentracións non silenciosas contra a violencia machista en Lugo

LugoXa
O primeiro acto celebrarase este martes en Santo Domingo coa lembranza das vítimas e a lectura dun manifesto
árbore-da-vida-Santo-Domingo-Lugo
1 Sep 2025

O Concello de Lugo e o Foro de Igualdade poñen en marcha este martes as concentracións non silenciosas para visibilizar a loita contra a violencia machista.

O primeiro acto desenvolverase ás 12.30 horas xunto á árbore da vida, na praza de Santo Domingo, e incluirá a lectura das definicións de feminicidio e violencia vicaria, así como a lembranza das mulleres e menores asasinados no que vai de ano.

Segundo explicou a presidenta do Foro de Igualdade e concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, esta iniciativa “simboliza a unión fronte aos asasinatos machistas, por riba de cuestións partidistas, con concentracións non silenciosas e con berros á vida polas que xa non poden falar”. As convocatorias repetiranse cada primeiro martes de mes, seguindo a proposta orixinal do Foro Feminista.

Nesta primeira mobilización farase un repaso ás vítimas de 2025: 23 feminicidios oficiais e 3 non oficiais, ademais dos crimes de tres menores por violencia vicaria. Estes datos engaden outra consecuencia devastadora, a orfandade de 16 menores neste ano. Todas elas serán lembradas publicamente na concentración.

O Foro de Igualdade, presidido por Olga López Racamonde e coa edil Ángeles Novo como vicepresidenta, está integrado por representantes de asociacións veciñais, entidades sociais, sindicatos, colectivos feministas e do propio Goberno local, ademais de contar con invitados e suplentes doutros organismos e asociacións. A organización fai un chamamento á sociedade civil lucense a sumarse a esta iniciativa como mostra de compromiso decidido contra a violencia machista.

⚙ Configurar cookies
0.21100091934204