O Concello de Lugo aproba prórrogas de contratos de mantemento, cultura e cabalgata de Reis

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou a última prórroga do contrato de mantemento de colexios e escolas infantís, cunha partida orzamentaria de 100.000 euros para realizar actuacións de mantemento nos 15 colexios e nas 4 escolas infantís municipais.
Segundo explicou o tenente alcalde Rubén Arroxo, trátase de traballos en alicatados, cerralleiría, madeira, cristalería, pintura, mobiliario e outros arranxos diarios. Arroxo engadiu que “nos colexios, os investimentos asúmeos a Xunta e nas escolas infantís van nunha partida aparte”, e que este contrato está destinado a arranxos máis do día a día.
Na área de Cultura, renovouse o contrato de produción e subministración de equipamento técnico para actividades culturais. Esta primeira prórroga das catro posibles supón un investimento de 8.462,74 euros e inclúe material e produción do Pregón dos Reis Magos e do Entroido, concursos do Entroido, entrega de premios do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre “Cidade de Lugo”, acendido do alumeado de Nadal e outros eventos de pequeno formato.
Respecto á Cabalgata de Reis, Arroxo anunciou o inicio do proceso de subministración de caramelos. A partida para os cornetes, 3.000 unidades que se repartirán no Concello, é de 3.500 euros, mentres que os 1.500 kg de caramelos para lanzar durante o percorrido contan cun prezo de 5.000 euros. O contrato terá unha duración dun ano, prorrogable ata cinco, e valorarase especialmente a participación de produtores vinculados á rede de comercio xusto e produción ecolóxica.
Tamén se prorroga o contrato de coordinación e rexedora da cabalgata, primeira das catro prórrogas posibles, coa empresa FDS Cultural SL por 8.040,45 euros. Esta coordinación abrangue toda a parte técnica dos espectáculos e carrozas, o control e reparto dos caramelos, así como preparativos previos como colocación de valos, recollida e traslado dos caramelos e sonorización.
Por último, iniciouse o proceso de subministración de roscóns de Reis para os participantes da cabalgata, 15 unidades para voluntarios e persoas que participan no evento, cun prezo anual de 675 euros, cun contrato de duración dun ano prorrogable ata cinco.
Arroxo destacou o traballo dos empregados municipais para poñer os contratos ao día, asegurando que “os contratos están caducando constantemente e estamos renovándoos tamén constantemente; en todas as Xuntas de Goberno adoita haber algún contrato que se saca de novo a licitación”.