Lugo insiste ante Renfe na mellora dos horarios ferroviarios para facilitar a mobilidade diaria con Madrid

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu na Casa do Concello ao representante institucional de Renfe en Galicia, Javier Pérez López, nun encontro de traballo que dá continuidade á reunión mantida a pasada semana en Madrid co presidente da operadora ferroviaria, Álvaro Fernández de Heredia.
Esta nova xuntanza permitiu afondar nas demandas do Concello en materia ferroviaria e trasladar de novo as principais propostas da cidade para mellorar a conectividade e a mobilidade da veciñanza.
Durante a reunión, Fernández insistiu na necesidade de revisar os horarios actuais para facilitar os desprazamentos diarios, poñendo como exemplo a posibilidade de establecer conexións que permitan viaxar a primeira hora da mañá a Madrid e regresar a última da tarde.
O alcalde sinalou esta medida como unha prioridade a curto prazo, á que se suman outras propostas como a mellora da conexión con Ourense para facilitar o acceso á alta velocidade e o reforzo das ligazóns ferroviarias con Barcelona e a Cornisa Cantábrica.
“Estamos a manter un contacto constante con Renfe para avanzar en melloras horarias que permitan, por exemplo, viaxar a Madrid a primeira hora e regresar a última da tarde”, afirmou o rexedor, quen valorou positivamente “a vontade de diálogo e colaboración manifestada por Renfe”.
Miguel Fernández destacou que este traballo constante coa operadora é unha mostra clara do compromiso do Goberno local cun modelo de mobilidade útil e adaptado á realidade da cidadanía. “Non se trata de buscar titulares nin de quedar ben nunha foto, senón de traballar con rigor, de forma constante e con lealdade institucional para acadar melloras reais que beneficien á veciñanza de Lugo”, subliñou.
REUNIÓN COA PLATAFORMA
A Plataforma Lugo... non perdas o tren tamén mantivo unha reunión co responsable de Renfe en Galicia, Javier Pérez, un encontro cualificado como moi positivo e construtivo, no que se lle trasladou a grave situación e as múltiples carencias que sofre a provincia de Lugo en materia ferroviaria.
Durante a xuntanza abordáronse varios temas prioritarios para mellorar a conectividade da cidade, entre eles a necesidade de mellorar os horarios e as conexións con A Coruña e Ferrol, así como de intensificar a comunicación con Ourense, para facilitar desde alí o acceso á alta velocidade (AVE).
A Plataforma tamén propuxo establecer un servizo que permita viaxar e regresar no mesmo día a Madrid, dispoñendo de tempo suficiente para realizar xestións na capital española. Ademais, solicitouse a recuperación do tren hotel nocturno con Barcelona e o restablecemento do transporte de mercadorías por ferrocarril, xunto con mellores conexións con outras capitais de provincia.
O responsable de Renfe indicou que algunhas destas xestións, como a mellora das conexións con Madrid, xa foron iniciadas polo alcalde de Lugo nas súas conversas co presidente da compañía. Tamén sinalou que todas as propostas serán analizadas por Renfe Galicia, comprometéndose a manter un novo encontro coa Plataforma no mes de setembro.