Lugo intensifica a vixilancia policial en Frigsa tras a nova organización do mercado

LugoXa
A Policía Local de Lugo levará a cabo este martes un dispositivo especial de vixilancia no mercadiño de Frigsa coincidindo coa entrada en vigor dos cambios decretados pola área de Participación Cidadá sobre a distribución dos diferentes postos que o integran.
22 Abr 2024

Así, varias dotacións deste Corpo controlarán que a nova organización das e dos comerciantes autorizados para a venda nestas instalacións non supoña un foco de conflito entre os mesmos, ao tempo que disuadirán de que se propicien altercados por parte das persoas que non obtiveron o preceptivo permiso.

Deste xeito, dende a apertura do recinto, ás 7 da mañá, en torno a unha decena de axentes intensificarán a supervisión en toda a zona para verificar que a montaxe e toda a actividade, ata a súa finalización, transcorra con absoluta normalidade e sen incidentes.

A medida, de carácter preventivo e coordinada pola Alcaldía e os mandos da Policía Local, pretende garantir en todo momento a seguridade cidadá e o correcto desenvolvemento dun mercado con moito arraigamento na capital que aglutina unha elevada concorrencia de público e de vendedores e vendedora.

0.10371518135071