Lugo lanza novas rutas 4x4 dentro do programa +XTi para mozos e adultos

LugoXa
Esta actividade combina unha sesión teórica e unha xornada práctica completa, proporcionando aos participantes unha formación integral en condución segura e responsable
Ruta-4x4-Castroverde-Os-Riladores
17 Mar 2025

A área de Xuventude do Concello de Lugo anunciou o lanzamento dunha nova iniciativa dentro do programa +XTi, que permitirá aos lucenses participar de balde en tres edicións de rutas 4x4.

Esta actividade combina unha sesión teórica e unha xornada práctica completa, proporcionando aos participantes unha formación integral en condución segura e responsable.

O concelleiro Jorge Bustos destacou que "é unha gran oportunidade para aprender da man de profesionais e gozar dunha experiencia única no mundo do 4x4", e animou á cidadanía a aproveitar esta actividade. "Animamos a toda a mocidade e adultos interesados a inscribirse e aproveitar esta formación", engadiu.

A actividade está dirixida a persoas empadroadas en Lugo, con idades comprendidas entre os 18 e 49 anos, e conta con 36 prazas dispoñibles, distribuídas en tres edicións de 12 participantes cada unha. A sesión teórica será obrigatoria para poder participar na ruta e se celebrará os venres, abordando contidos sobre condución segura, autorrescate, copilotaxe e navegación, con especial énfase no consumo 0,0.

A primeira e segunda edición será o venres, 28 de marzo, de 15:30 a 19:30 horas na parte teórica no CS Uxío Novoneyra e a primeira Ruta 4x4 será o sábado, 29 de marzo de 9:30 a 19:30 horas con saída desde o Pavillón Municipal dos Deportes, mentres que a segunda ruta será o domingo 30 no mesmo horario e na mesma saída.

Pola súa parte, a terceira terá lugar o venres, 11 de abril, de 15:30 - 19:30 horas no CS Uxío Novoneyra e a ruta 4x4 será o sábado, 12 de abril de 9:30 a 19:30 horas con saída desde o Pavillón Municipal dos Deportes.

A xornada práctica levarase a cabo durante todo un día, no que os participantes dispoñerán de vehículos 4x4, monitores especializados, tentempés e comida. Ademais, estarán acompañados polos mellores profesionais do sector, garantindo unha experiencia segura e enriquecedora.

As inscricións realizaranse a través da web www.lugomasxti.org ata o 20 de marzo ás 19:00 horas ou ata esgotar prazas. A selección realizarase por rigorosa orde de inscrición.

Esta actividade enmárcase no proxecto +XTÍ 2025, organizado polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo e financiado polo Concello de Lugo e o Plan Nacional sobre Drogas.

⚙ Configurar cookies
0.17333984375