Lugo lanza o proxecto 'Camiño ás Aulas' para promover rutas escolares seguras

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento de Lugo, Iria Buide, anunciou a apertura da licitación para o proxecto 'Camiño ás Aulas', que incluirá os Vieiros Escolares Seguros nos CEIP Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai e Rosalía de Castro.
Esta iniciativa busca facilitar a conciliación familiar, promover hábitos de vida saudables e reducir o tráfico rodado nas inmediacións dos centros educativos, tal e como explicou a edil.
O Goberno de Lugo aprobou a licitación do contrato para o proxecto, que contará cun orzamento máximo anual de 21.032,55 euros e terá unha duración dun ano, prorrogable ata un máximo de tres anos.
A empresa adxudicataria será a encargada de contactar coas ANPAS para xestionar as inscricións e deseñar as rutas de cada centro, adaptándoas no caso de que se apunten novos nenos para asegurar distintos puntos de recollida.
O proxecto 'Camiño ás Aulas' consistirá en acompañar ao alumnado nos seus percorridos cara á escola coa axuda de monitores, todos os días do curso escolar. A ruta realizarase antes do inicio da xornada escolar, garantindo que os nenos e nenas cheguen como mínimo cinco minutos antes da hora de entrada.
Iria Buide destacou que, nos últimos anos, esta actividade realizouse de forma piloto no CEIP Albeiros, obtendo unha excelente acollida. "Agora damos un paso adiante e extendemos esta actividade a máis centros escolares, achegando esta iniciativa a máis familias", afirmou a concelleira.
A implementación destes vieiros escolares tamén implica un cambio nas tendencias de mobilidade, contribuíndo á redución do uso do vehículo privado. "As diferentes iniciativas de calmado de tráfico levadas a cabo pola área de Mobilidade nos últimos anos permítennos ofrecer estes vieiros escolares, garantindo a seguridade viaria e desfrutando dun tráfico calmado", explicou Buide.