Lugo lembra a figura de Rosalía no 187 aniversario do seu nacemento

LugoXa
A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega realizaron este venres en Lugo un acto con motivo do Día de Rosalía, celebrando o 187 aniversario do nacemento da poeta na praza Maior.
dia_rosalia_lugo
23 Feb 2024

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega realizaron este venres en Lugo un acto con motivo do Día de Rosalía, celebrando o 187 aniversario do nacemento da poeta na praza Maior. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou a figura “moderna, poderosa e valente” de Rosalía, e afirmou que isto converte á poeta “nunha das mellores figuras que nos definen como pobo”.

Rosalía foi pioneira na defensa da nosa lingua, “pioneira na defensa dos dereitos e pioneira na defensa dos dereitos das mulleres e por iso é preciso lembrar a esa Rosalía feminista, inconformista, e rebelde que rompeu moldes e que hoxe sigue sendo un referente”, afirmou a concelleira de Cultura. O acto contou coa tradicional ofrenda a Rosalía e a lectura do manifesto da AELG polo Día de Rosalía, escrito por Carlos Callón. Despois, realizouse a lectura pública de poemas de Rosalía, onde tamén participou parte do alumnado co colexio Rosalía de Castro.

Pola tarde, a programación do Día de Rosalía amplíase cos concertos de As literatas para Rosalía de Castro, organizado pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e en colaboración coa mesma área do Concello. As artistas galegas Belém Tajes, Antía Muíño e M.J. Pérez actuarán na Capela de Santa María a partir das 19.00 horas, con cancións en honra á obra da escritora galega.

Día de Rosalía 2024

O Día de Rosalía celébrase este ano por segunda vez no 23 de febreiro, despois de que a Fundación Rosalía de Castro propuxera mudar a data debido ao recente descubrimento da investigadora Sagrario Abelleira, que corrixiu a data de nacemento da poeta.

O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional.

0.19571614265442