Lugo lembrará a tradición gandeira do San Froilán coa feira ExpoLugo A Rural

LugoXa
O evento instalarase de novo no Vello Cárcere e incluirá desfile de gando, exposición de razas autóctonas e actividades formativas
ExpoLugo-A-Rural-San-Froilán-2025
1 Oct 2025

Lugo volverá reivindicar a súa esencia gandeira no marco das festas do San Froilán coa celebración da mostra ExpoLugo A Rural, que terá lugar os días 4 e 5 de outubro. O evento conta co respaldo da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello, e repetirase por segundo ano consecutivo na contorna do Vello Cárcere, emprazamento que xa no pasado incrementara notablemente o número de visitantes.

A presentación correu a cargo do deputado de Rural Daniel García, a concelleira de Cultura Maite Ferreiro e o presidente do Pazo de Feiras e Congresos Rubén López, acompañados por representantes das asociacións gandeiras Boaga, Asoporcel, Avimós, Ovica e Acruga. García puxo en valor o traballo do persoal do Pazo e das entidades implicadas, destacando que a decisión de trasladar a feira á cidade supuxo “relanzala e integralas nas actividades culturais e festivas do San Froilán”.

O deputado subliñou que a mostra se encadra “no apoio ás asociacións e ás explotacións de razas autóctonas” e considerou que o San Froilán é “o mellor escaparate” para dar a coñecer este patrimonio xenético e recoñecer a labor das gandeiras e gandeiros que o manteñen. Pola súa banda, Ferreiro destacou a importancia do desfile de gando, “un dos sinais de identidade máis singulares da programación”, e criticou a falta de apoio da Xunta de Galicia, que segundo afirmou “volveu desvalorizar as festas e unha actividade que recupera as raíces da celebración”.

A feira reunirá arredor de sesenta exemplares de razas autóctonas galegas como a Rubia Galega, a Cachena, a Caldelá, a Frieiresa, a Limiá, a Vianesa, a Ovella Galega, a Cabra Galega, o Porco Celta, a Galiña de Mos, a Galiña Piñeira, o Can de Palleiro ou o cabalo de Pura Raza Galega. Xunto a elas tamén se exhibirán animais de outras procedencias, como ovellas Suffolk, Charolesa, Romanov, Churra ou Texel Negra, ademais de vacas Charolesas, todas recoñecidas polas súas cualidades produtivas ou morfolóxicas. O recinto acollerá igualmente unha mostra de maquinaria agrícola clásica achegada polo Muvicla.

O tradicional desfile de gando terá lugar o domingo 5 de outubro a partir das 13.30 horas polas rúas do centro da cidade, cunha trintena de animais encabezados pola familia Pelúdez e coa novidade da presenza dun exemplar de cachena.

Ademais, o programa inclúe unha xornada formativa o sábado 4 pola mañá no Pazo de Feiras e Congresos, con conferencias de especialistas sobre razas minoritarias españolas e a relación entre saúde, gandería e medio ambiente. Investigadores da Facultade de Veterinaria de Lugo presentarán tamén un estudo sobre dípteros de interese veterinario e médico desenvolvido na provincia coa colaboración da Deputación.

⚙ Configurar cookies
0.10063600540161