Lugo levará as matemáticas á rúa o 15 de marzo para celebrar o seu Día Internacional

O Concello de Lugo sumaráse este ano á conmemoración do Día Internacional das Matemáticas cunha actividade aberta á cidadanía que trasladará esta disciplina fóra das aulas.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o goberno local se une á iniciativa impulsada pola Federación Galega de Sociedades de Profesorado de Matemáticas para achegar esta materia ás rúas e facer dela unha experiencia accesible e atractiva para o público xeral.
Ferreiro salientou que a proposta, promovida por profesoras e profesores, pretende romper coa imaxe distante que ás veces se asocia ás matemáticas, apostando por un formato participativo e próximo. Segundo explicou, trátase de sacar esta ensinanza do contexto académico habitual para levala ao espazo público, favorecendo así que veciñas e veciños de todas as idades poidan achegarse a ela dun xeito diferente.
A actividade desenvolverase o domingo 15 de marzo entre as 11:00 e as 14:00 horas na Praza Maior. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, trasladarase ao Vello Cárcere. A iniciativa aposta por un enfoque lúdico e festivo, xerando un ambiente de lecer que contribúe a desmontar tópicos arredor desta disciplina e que fomenta a participación conxunta de distintas xeracións e niveis formativos.
A manipulación directa de materiais e a experimentación práctica constitúen un dos piares de Matemáticas na Rúa. Entre os recursos previstos inclúense crebacabezas, superficies minimais, cadrados máxicos, bingos matemáticos, xogos de mesa e propostas con cordas, entre outros elementos. A variedade é especialmente ampla no ámbito dos quebracabezas, que destacan pola súa diversidade e pola súa capacidade para desafiar e entreter ao mesmo tempo.
O Día das Matemáticas conmemórase internacionalmente o 14 de marzo, unha data que no ámbito anglosaxón se expresa como 3-14, coincidindo coas primeiras cifras do número pi.