Lugo levará música, deporte e lecer alternativo ás prazas da cidade co programa Estilos Urbanos +XTi

LugoXa
A iniciativa, organizada pola Concellería de Xuventude, desenvolverase todos os mércores de xullo con actividades abertas para mozas e mozos a partir dos 12 anos
Praza do Castiñeiro
26 Jun 2025

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e en colaboración co Plan Nacional sobre Drogas, impulsa este verán unha nova proposta lúdica e participativa dentro do programa +XTi.

Trátase de Estilos Urbanos +XTi, unha iniciativa que encherá de música, deporte e ocio alternativo as prazas da cidade durante os mércores do mes de xullo, cunha programación orientada á mocidade e deseñada para transformar os espazos públicos en escenarios de expresión e encontro.

A actividade incluirá disciplinas pouco habituais na oferta de ocio xuvenil como o spickeball, o tchouckball, o slackline ou o breakdance, ademais de obradoiros de rap, hip hop, xogos, animación e música en directo. As sesións celebraranse en horario de 16:30 a 20:30 horas, o 2 de xullo na Praza Agro do Rolo, o 9 en Augas Férreas, o 16 na Praza do Castiñeiro e o 23 na Praza de Roi Xordo, tamén coñecida como Praza Roxa.

As propostas están pensadas para facilitar a participación espontánea, sen necesidade de inscrición previa, e diríxense á mocidade a partir dos 12 anos. A asistencia será libre e por orde de chegada, buscando crear un ambiente distendido, accesible e integrador.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, subliñou que “con propostas como esta queremos achegar o lecer aos espazos que a mocidade habita no seu día a día, ofrecendo contidos entretidos, útiles e con capacidade de sorprender”.

Bustos destacou tamén o valor comunitario deste tipo de accións: “Queremos que cada praza se converta nun espazo de convivencia, expresión e aprendizaxe compartida, onde as mozas e mozos poidan descubrir novas paixóns e relacionarse en positivo”.

⚙ Configurar cookies
0.17378616333008