Lugo logra a cesión temporal de terreos anexos ao Campo de Fútbol das Gándaras

LugoXa
A obtención destes espazos permitirá mellorar a accesibilidade á instalación deportiva e dar resposta a unha demanda recorrente da comunidade deportiva
fochancas-aparcadoiro-campo-de-fútbol-As-Gándaras
5 Feb 2025

O Concello de Lugo vén de conseguir a cesión temporal dos terreos anexos ao Campo de Fútbol das Gándaras, propiedade do Ministerio de Defensa, despois dun proceso de negociación e xestións iniciadas hai meses.

A obtención destes espazos permitirá mellorar a accesibilidade á instalación deportiva e dar resposta a unha demanda recorrente da comunidade deportiva que fai uso do campo.

Desde o pasado mes de marzo, o Concello levou a cabo diversas xestións para determinar a titularidade dos terreos, tras constatar o seu uso habitual como zona de aparcamento do campo de fútbol. O Goberno local contactou coa Subdelegación do Goberno en Lugo, coa Subdelegación de Defensa e co Ministerio de Defensa, solicitando formalmente a cesión dos terreos para uso deportivo e de aparcamento.

Finalmente, o Ministerio de Defensa autorizou a cesión temporal destes espazos, establecendo que a cesión está condicionada á resolución dun proceso de depuración xurídica sobre os terreos, polo que a súa duración poderá verse afectada por este procedemento. Ademais, non se poderá realizar ningunha actividade con fins lucrativos nos terreos, e o Concello comprométese á súa adecuación, mellora e mantemento durante o tempo que dure a cesión.

Unha vez finalizado o uso, os terreos deben quedar na mesma situación de limpeza e conservación, e o acceso a eles debe ser coordinado co persoal do Área de Patrimonio da Subdelegación de Defensa na Coruña.

0.17552614212036