Lugo logra fondos europeos para potenciar a inserción laboral e o comercio local
O Concello de Lugo logra fondos europeos para o desenvolvemento do proxecto europeo Socilibre para promover a inserción laboral de colectivos en risco de exclusión social, ao tempo que se potencia a competitividade dos comercios locais de Lugo e da cidade portuguesa de Braga, que é a que lidera esta iniciativa social e empresarial. O programa ten como meta a creación e posta en marcha dunha rede loxística de reparto en bicicletas de produtos quilómetro cero de última milla, ao tempo que se mellora a formación de competencias dixitais dos negocios retallistas e se promoven novas iniciativas nas zonas de baixas emisións.
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sinala que con este proxecto apostan “pola mobilidade sostible e polo estudio de novos nichos de mercado, ao tempo que se favorece a formación e a inserción laboral de persoas que se atopan en risco de excusión social”. A aposta decidida polo impulso da zona de baixas emisións trouxo consigo, no caso de Lugo, que sexa o socio con maior financiamento deste proxecto, no que ademais de Lugo e Braga, conta con outras cinco institucións e entidades no seu partenariado: a Asociación Empresarial e a Empresa Municipal, ambas de Braga; a Universidade do Miño; ademais da Cruz Vermella Portuguesa e a Cruz Vermella de Lugo.
O proxecto europeo está dotado con 436.000 euros, dos que o 75 %, uns 326.900 euros, están aportados por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Do orzamento total, os outros preto de 109.000 euros serán achegados polos sete beneficiarios do proxecto, que se desenvolverá ata o 31 de decembro de 2025, no marco do programa Interreg VI-A España-Portugal 2021-2027. De entre as institucións e administracións que integran o partenariado, a de Lugo é a que recibe un maior orzamento con 148.612 euros, dos que 111.459 están aportados por fondos FDEDER e os 37.153 euros restantes serán cofinanciados polo Goberno Local nas anualidades de 2024 e 2025.
Reparto en bicicletas
Ademais deses sete socios de proxecto, figuran como beneficiarios sen achega económica o Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (CEAGA); a Asociación Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular; e a Asociación Portuguesa de Loxística, APLOG. O principal obxectivo deste proxecto é promover esa rede loxística de produtos quilómetro cero de última milla, cuxo reparto se fará en bicicletas e que prestará servizo aos comercios locais adscritos á Plataforma de Comercio Electrónico Local.
Dita rede se ocupará da distribución comercial en Braga e Lugo, co fin de avanzar nesa construción de cidades europeas máis sociais, sostibles e inclusivas. Segundo explica o responsable da área de Dinamización Económica do Concello de Lugo, Mauricio Repetto, “por unha banda traballaremos para promover a inserción laboral de colectivos máis vulnerables, como son as persoas refuxiadas e inmigrantes, e por outro ofrecendo formación non só aos beneficiarios deste programa senón tamén aos comercios locais que integren esa rede loxística, formando aos seus responsables en diversas competencias dixitais”.
A colaboración entre Braga e Lugo neste proxecto é tanto natural como estratexicamente beneficiosa, xa que ambas cidades comparten a súa situación interior, unha orografía similar e desafíos parecidos en termos de loxística e de transportes. Hai que lembrar que Braga, cidade gobernada polo Partido Social Demócrata, lidera o programa pero as súas similitudes co municipio de Lugo, permitirá unha colaboración e un intercambio enriquecedor de experiencias, ademais de aproveitar recursos investidos, como o desenvolvemento e aplicación da plataforma loxística, cuxos custos totais poden ser compartidos, para optimizar así a inversión.