Lugo mantén o servizo de taxis adaptados para persoas con mobilidade reducida
Lucenses con mobilidade reducida empregaron ao longo de 2023 o servizo de taxis adaptados que subvenciona o Concello de Lugo. A área de Benestar Social financiou con 14.000 euros a seis eurotaxis, equipados para prestar servizo a persoas con discapacidades motoras ou que empregan cadeira de rodas. Grazas a estas axudas, o Executivo de Paula Alvarellos pode prestar atención as 24 horas ao día, o que permite aos seus usuarios traslados ao hospital, ao medico ou a realizar algún trámite administrativo.
Segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Olga López Racamonde, está previsto que “o Concello de Lugo manteña este servizo para permitir a mobilidade de persoas dependentes” e lembrou que “os taxistas que desexen solicitar estas axudas ao Concello deben ter o vehículo adaptado para que podan acceder, por exemplo, persoas que empreguen cadeiras de rodas”.
Pola súa banda, aqueles que queiran dispoñer deste servizo tamén poden solicitar axudas, presentando no Concello as facturas emitidas polos taxis, así como acreditación do grao de discapacidade, e sempre e cando se trate de viaxes e traslados xustificados, como acudir ao hospital, citas médicas ou viaxes para levar a cabo algún trámite administrativo.
O Concello lembra que a contía máxima subvencionable será de 2.000 euros por cada solicitude presentada, no caso dos taxistas, sen que en ningún caso o importe total subvencionado poida superar o 90 % do custo total da actividade e o 10 % do gasto proposto no proxecto.
Mentres, no que respecta aos beneficiarios do servizo, a cantidade máxima de axuda a cada persoa solicitante será de 800 euros anuais, agás os lucenses empadroados na zona rural no que o límite da contía subvencionable establécese en 1.000 euros. O pasado ano, un total de seis taxis prestaron este servizo para manter a atención a persoas con discapacidade ás 24 horas.