Lugo mellora a conexión fluvial entre o Rato e o Miño coa creación dun novo paseo urbano

LugoXa
O proxecto reforza a mobilidade sostible e aumenta os espazos verdes para o lecer e a práctica deportiva da veciñanza
union-Rato-e-Miño-Lugo
10 Sep 2025

O Concello de Lugo iniciou a obra que permitirá conectar o paseo fluvial do Rato co do Miño, creando un itinerario continuo que circunvala a zona sur da cidade e mellora a accesibilidade a dous dos principais cauces fluviais.

A actuación inclúe a preparación do terreo, nivelación da plataforma e construción dunha senda de dous metros de ancho con pavimento estable, bordos de granito e sistemas de drenaxe, ademais de bancos, papeleiras metálicas e iluminación con 17 luminarias LED.

A intervención abrangue máis de 20.000 metros cadrados e incorpora un plan de integración ecolóxica, coa plantación de especies autóctonas como carballos, freixos, aveleiras ou bidueiros, sementeira de céspede e instalación de casetas-refuxio para esquíos, reforzando o valor natural e paisaxístico da contorna. O prazo estimado de execución é de catro meses e o proxecto conta cun investimento de 225.000 euros achegado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que tamén se encarga da redacción e execución das obras.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que a actuación permite gañar espazos naturais, mellorar a conexión coa cidade e avanzar nun modelo urbano máis verde e sostible. Pola súa banda, José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, salientou que o proxecto favorece o uso seguro e sostible do patrimonio fluvial e natural, exemplificando a colaboración institucional que fai realidade estas melloras para a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.10695099830627